Unha cambadesa nacida para ser artista

Daniela de amorín / B. c. CAMBADOS/ LA VOZ

O GROVE

MARTINA MISER

Paula Chaves, Pauliña, presentou onte o seu disco na súa terra, en Cambados. A cantautora atopou na música e no galego o vehículo perfecto para expresar os seus sentimentos e emocións

03 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Se lle preguntas a calquera persoa que soñe con vivir da música dirache que labrarse unha carreira artística é, probablemente, o reto máis complicado deste mundo. Hai cantantes que perseguen a fama insaciablemente e hai outros aos que a fama persegue. E perségueos porque o seu talento non pode ser oculto, porque merecen o seu recoñecemento e porque a sociedade require a existencia de artistas únicos con quen identificarse. Este é o caso de Paula Chaves, unha cambadesa un tanto escéptica no que se refire ao seu talento. Pero non porque este non sexa latente, pois ten unha voz doce e única, chea de personalidade e carácter, algo que o resto do mundo si soubo ver.

«Eu nunca me crin que puidera ser cantante. Empecei porque houbo moita xente que sempre me valorou e me dicía que tiña futuro, pero eu non me valoraba nada», sinala Paula que, a pesar de actuar onte no Albariño, aínda non se termina de crer a súa carreira musical.

A súa andadura como artista comezou con quince anos. Nese momento, Pauliña cursaba a ESO no Instituto Ramón Cabanillas, pero a súa vida deu un xiro de 360 graos que a levou a pasar «un verán moi malo», confesa a cambadesa. Somerxida nunha espiral de inquedanzas e ansiedade, a moza atopou no galego a súa vía de escape, pois descubriu o vehículo perfecto para transmitir os seus sentimentos. «O galego salvoume a vida, teño un amor», asegura con convencemento. En castelán as palabras simplemente non xurdían a pesar de que ela «sabía que tiña algo que contar, pero dinme de conta que só o podía expresar en galego».

A partir dese momento, percorreu diversos pubs e bares de Galicia coa guitarra ao lombo, a cal aprendeu a tocar de forma autodidacta. Uns concertos nos que incluso, ás veces, tocaba de forma gratuíta e unha guitarra que nin sequera era súa. «A xente prestábame todo o equipo porque de verdade tiña interese en que fora, eu no tiña nada, de feito onte, no Albariño, foi a primeira vez que toquei coa miña propia guitarra».

As circunstancias da vida, sumadas ao seu carácter inquieto e visceral levouna a deixar todo e marchar a Inglaterra «á aventura». Unha decisión totalmente improvisada que tomou con tan só 17 anos. Non se sentía a gusto e precisaba «un cambio drástico para poder estar ben», así que comprou unha viaxe, conseguiu traballo e alugou un piso en Eastbourne. Ao principio o proceso de adaptación foi difícil, pero o ano que estivo alí serviulle para enriquecer a súa faceta artística. Aínda que non exerceu a música, aproveitou o tempo para compoñer cancións e investigar nos diferentes «rexistros e estilos musicais», unha tarefa que a axudou a definir o seu particular estilo que mestura country, folk, blues, pop e soul.

Ao volver do estranxeiro asentouse en Santiago de Compostela, que serviu de punto de inflexión para continuar na música. A súa voz foi envolvendo a diversos artistas galegos como a banda Nao, que a levou como colaboradora por festivais de toda Galicia. A pesar diso, Paula nunca deixou de traballar como camareira, unha profesión que lle gusta moito, pero que require moitas horas de traballo que dificultan a súa faceta como cantante. «Para compaxinar a música hai que ter moita paixón por ela, senón require dun sacrificio enorme», destaca a cambadesa que, actualmente, traballa no Náutico de San Vicente de O Grove.

A súa estancia en Santiago a uniu co seu produtor, representante e baixista. «Lolo estivo como dous anos insistíndome para que empezara a miña carreira, incluso deume liberdade artística e ao final acabei firmando con eles e producindo o meu traballo». Así, a discográfica Xonix Records sacou adiante o seu disco «De-Xeneración», un proxecto intimista que inclúe as primeiras cancións que compuxo con tan só quince anos e as que compón agora con 23. Un traballo que onte presentou na súa terra natal en plenas Festas do Albariño. Que ninguén diga que non hai xente que xa nace sendo artista.