A bandeira de Castropol, convertida en regata de paseo

O desprazamento do tren de boias antes da quenda de honra fíxoa non puntuable

.

A Bandera Princesa de Asturias debía ter sido na tarde de onte a novena proba puntuable da Liga Galega de Traíñas A. Pero a organización da LGT optou por invalidar as puntuacións que se deberían ter derivado da clasificación final das doce tripulacións que, unha fin de semana máis, saíron ao mar en pos dos seus diferentes obxectivos. O motivo, o desprazamento do campo de tren de boias polo cambio da corrente antes da terceira quenda, a de honra, que onte medía as tres traíñas en loita pechada polo título e polos dous postos con dereito ao play-off de ascenso á ACT, a S.D. Samertolameu, o C.R. Ares e o C.R. Mecos-Isabel, e mais o Bueu Teccarsa, só 3 puntos por diante do C.D.M. Mera na xeral.

 

Antes da decisión, Amegrove rematara segundo na primeira quenda en 21.04.56, a 19.46 do anfitrión, Castropol. Na segunda o C.R. Cuca Vilaxoán asinou o peor crono, 20.35.77, a 15.15 da mellor traíña do cuarteto, Mera. E na terceira quenda, sabedores os seus participantes de que a entrega no mar carecería de recompensa na táboa clasificatoria, o C.R. Ares impúxose en 19.58.66, con Samertolameu e con Mecos-Isabel protagonizando un fermoso esprint final que se levou a tripulación de Meira por catro décimas, 20.01.72 por 20.02.12.

A decisión de anular a puntuación molestou especialmente a varios dos equipos que completaran a súa participación na Bandera Princesa de Asturias antes do incidente co tren de boias, como Mera ou Rianxo. Un problema que xa se producira na regata da Liga do ano pasado en Castropol, só que daquela as protestas chegaran fóra de tempo.

Así as cousas, a frota da LGT-A desprázase esta mañá á ría de Pontevedra para disputar, a partir das doce, a Bandeira Concello de Bueu. Unha cita que arrincará con Samertolameu líder cos mesmos 84 puntos ca Ares e cun máis co C.R. Mecos-Isabel. Cuca Vilaxoán, sétimo na xeral, tentará recurtarlle a Puebla os 5 puntos que os separan, con Amegrove noveno en terra de ninguén con 34.

O C.R. Cuca Vilaxoán, cuarto en Cabo na LGT-Feminina

Mentres a frota da LGT-A se desprazaba a Asturias, as embarcacións da LGT-B e da Liga Galega de Traíñas Feminina competían na tarde de onte en augas de Cabo. As mulleres, na V Bandeira Feminina Concello de Boiro. E unha xornada máis, na liña de saída figuraba a tripulación do Club de Remo Cuca Vilaxoán. O equipo da banda sur da ría de Arousa repetíu o posto que asinou na maioría das regatas puntuables anteriores, rematando cuarto. Desta volta, asinando un crono de 12.17.69, a 50.90 do intratable C.R. Naútico de Riveira, vencedor en 11.26.79. A Pobra-Cabo foi segundo en 11.36.44, Salgado Perillo terceiro en 12.05.59, e Mugardos quinto en 12.43.72. Hoxe as traíñas femininas reman en Ribeira.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A bandeira de Castropol, convertida en regata de paseo