O Grove abre unha viaxe por lugares de interese con banda sonora propia

Figuras da música clásica de renome tocarán este ano en Espazos Sonoros


Santiago / La Voz

O Grove será este ano o punto de partida do festival Espazos Sonoros que, entre setembro e outubro, propón unha viaxe con banda sonora propia na que «descubrir lugares de interese do patrimonio galego», subliñou Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, pois considera que «a mellor forma de aprecialo é achegarse a el e coñecelo para asegurar a súa preservación». Algunhas das figuras máis representativas e coñecidas da música antiga participarán nesta undécima edición, compartindo protagonismo xunto coa arquitectura e a natureza.

A xa despoboada illa de Sálvora (Ribeira), o campamento romano da Ciadella (Sobrado), as igrexas de Santa María de Baiona e Castrelo de Miño, a Casa Grande de Trasalba (Amoeiro), a fortaleza da Frouseira (Foz), o castro de Formigueiros e A Ferrería (O Incio) son algúns dos lugares escollidos como marco da programación. Esta rematará en Muxía, cunha ruta polos muíños do río Negro e o concerto de clausura.

As actuacións correrán a cargo dunha escolma de intérpretes galegos e internacionais de estilos diversos. Entre eles, destacou Belén Bermejo, directora artística do festival, están Capella Sancta Maria, un conxunto vocal de renome en Europa especializado no Renacemento e dirixido por un coruñés, que actuará por primeira vez en Galicia; Romanza, que na clausura transportará ao público ao medievo; o trío de frautistas austríacas Vivid Consort; ou Personat, fundado por unha das sopranos do momento na música antiga, Sabine Lutzenberg.

Bermejo explicou que, como xa é habitual, o programa acompañarase de andainas, visitas guiadas e outras actividades. O obradoiro de achegamento á música antiga terá lugar este ano o 23 de setembro en Castrelo de Miño e estará dedicado á luthería. «Incluirá unha visita ao taller do artesán Ismael Vaz para observar como converte un anaco de madeira no mecanismo do son máis sublime e un desprazamento á igrexa de Santa María, que ten unha amplísima colección de instrumentos reproducidos por distintos construtores», sinalou. A directora recordou que cómpre inscribirse canto antes nesta actividade, xa que sempre esgota as prazas. A entrada dos concertos é libre, ata completar o aforo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

O Grove abre unha viaxe por lugares de interese con banda sonora propia