O duelo fratricida dos C-2 do Breogán, motor español no Europeo de maratón

Tono Campos encabeza as opcións dos cinco barcos arousáns, coa estrea internacional de Óscar Graña co seu novo compañeiro de canoa dobre, o vilagarcián Diego Romero, tentando destronar o primeiro e a José Manuel Sánchez, vixentes bicampións continentais 

.

vilagarcía / la voz

Entre hoxe e mañá os sete padexeiros arousáns incluídos na primeira versión da selección española de maratón da tempada desprázanse á localidade croata de Metkovic, escenario desde o xoves e ata o domingo do Campionato de Europa do piragüismo de fondo. Retirado o illense Ramón Ferro da elite no Mundial de Sudáfrica do 2017, cun subcampionato no C-2 Sénior co seu ata entón inseparable Óscar Graña que elevou a 21 as preseas internacionais da parella, enrolado hoxe o pontevedrés nas filas do Breogán, a cita continental a piques de arrincar volve contar coa canoa dobre como principal baza de medalla hispana. Novamente por partida dobre, e con duelo fratricida. Desta volta non só galego e español, senón tamén entre compañeiros de equipo. Con Graña estreando parella internacional na figura do vilagarcián Diego Romero, e ambos mirando os tamén breoganistas Tono Campos e José Manuel Sánchez como rivais a bater na calidade de campións de Europa do C-2 Sénior os dous últimos anos.

«A ver cómo sale», declaraba onte Óscar Graña na antesala da súa partida a Croacia. «Empezamos tarde, a mediados de abril. Las sensaciones son muy buenas por un lado, pero por el otro, el rendimiento del barco es una incógnita». E iso, comenta o curtido e, xunto con Ramón Ferro, canoísta español máis laureado de maratón, en tanto «Diego -Romero- es un purasangre, pero no sé cómo va a reaccionar en los 2-3 últimos kilómetros, cuando aparecen los calambres». Os subcampionatos do mundo colleitados por Romero no 2010, co prematuramente retirado Ángel Cristian Rivademar, e no 2013, con Tono Campos, avalan o rendemento do vilagarcián no panorama internacional do maratón, ata este ano unha disciplina secundaria centrado en tentar facerse un oco nuns Xogos Olímpicos.

Sen o actual C-2 campión do mundo, o dos húngaros Kover e Dóczé, en lide, Graña ten claro que «el barco más fuerte es el de Tono y Jose». Probalo é a intención de Campos, sobre todo despois do mal sabor de boca do último Mundial, que rematou con dous bronces, logo dun desfalecemento na proba do C-1. Na canoa individual, de feito, abrirá, como leva facendo practicamente desde os seus comezos no maratón, a súa nova participación internacional Tono. Faráo o sábado, co «obxectivo de traer dúas medallas» subíndose o domingo ao podio do C-2, di.

Tanto Campos coma Graña salientan a novidade incorporada neste Europeo. A supresión dun dos seis porteos, o que abre ou pecha a segunda das sete voltas ao circuito das regatas de maratón. Unha modificación que o grovense entende non debe afectarlle de ningunha maneira, en tanto «eu me defendo ben tanto correndo como na auga». O pontevedrés, pola contra, entende que co cambio «lo normal es que la gente vaya más agrupada durante más tiempo, por lo que puede haber más golpes» nos primeiros quilómetros, obrigándolles aos favoritos a extremar precaucións nos primeiros compases da proba.

O domingo haberá un quinto breoganista nas augas de Metkovic, Tania Álvarez, que en parella coa lucense do Kayak Tudense Tania Fernández pelexará no K-2 Sénior Feminino.

 

K-2 Xuvenil das Torres

Tamén no programa feminino, pero o venres e na categoría xuvenil, as padexeiras das Torres-Romaría Vikinga Xoana García de Dios e Aldara Merino Rigueira disputarán a proba do K-2. Unha cita na que confiaban en rematar entre as cinco primeiras tras o seu oitavo posto na súa estrea internacional no Mundial de Sudáfrica, e convertida agora nunha odisea, despois de que o pasado venres lle detectasen a Aldara unha mononucleose en estadio final de curación.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O duelo fratricida dos C-2 do Breogán, motor español no Europeo de maratón