Na Memoria de Paco Lores, o valedor da emigración

antón mascato

O GROVE

JESSYCA OCAMPO

O Grove homenaxerá a un dos seus fillos máis combativos

25 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os seus traballos a favor dos dereitos e a memoria da Galicia emigrada foron merecedores da primeira Medalla de Honra, in memoriam, que concede o Consello da Cultura Galega, que recollía a súa filla, a cantante Lorena Lores, o mércores pasado. Nun par de semanas tamén será lembrado nun acto que se celebrará no Grove. A súa condición de rabudo indomable levóuno a percorrer diferentes compromisos dos que non sempre resultou vencedor, porque baterse coas administracións dende a distancia é aínda mais complicado. Hai uns meses falecía en Bos Aires o gran valedor dos dereitos da comunidade galega emigrada en América, o grovense Paco Lores, Paco Paghanini. Francisco Lores Mascato (O Grove, 1934-Bos Aires, 2017), Paco Paghanini, é o símbolo da emigración galega en terras americanas. Dende que o trasatlántico Entre Ríos que o levara en 1952 dende o porto de Vigo ata o río da Prata, atracou no porto de Bos Aires entregouse á causa da Galicia emigrada; primeiro na Sociedade de Fillos do Grove, da que foi un destacado directivo. Antifranquista activo, militou no Partido Comunista do que se foi afastando para achegarse ao nacionalismo; implicándose na loitas contra as ditaduras militares de Perón, e Videla; militante do primeiro BNG, do que tamén se irá afastando. Participou nas reivindicacións de xustiza para os militares das ditaduras arxentina e uruguaia, e moi concretamente no movemento das Nais de Praza de Maio, ás que deu apoio e loxística para reunírense. Directivo da Federación de Residentes españois na Arxentina; e da Federación de Asociacións Galegas de Arxentina e do Museo da Emigración Galega no mesmo país, destas dúas chegaría a ser o seu Presidente.

 

Son coñecidas as tirapuxas reivindicativas coas máis altas autoridades ás que accedía dende o Rei de España, aos Presidentes do Goberno Felipe González ou José María Aznar, nas reclamacións dos dereitos da colonia galega emigrada. Foi amigo e frecuentou as tertulias dos principais protagonistas da Galicia do exilio arxentino, Arturo Cuadrado, Luís Seoane, Díaz Pardo, Lorenzo Varela, Blanco Amor… cos que colaborou en moitas iniciativas e aos que homenaxeou en múltiples oportunidades. Pero o que maiormente lle recoñece a comunidade galega emigrada é a encomenda da querela xudicial que asinou en nome propio e como representante dos residentes españois na Arxentina, e ao cabo meteu no cárcere a varios militares responsables dos crimes políticos ocasionados pola ditadura do xeneral Jorge Rafael Videla.