O Meloxeira Rasoeiro soña volver de Zamora subido nun soño

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

Mónica Irago

O cadro meco xoga desde hoxe ao domingo polo ascenso á D.H.P. Feminina

11 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O campión da Primeira División de Valencia, o BM Servigroup Benidorm, hoxe ás 18.30 horas. O primeiro clasificado da máxima categoría autonómica de Castela-León, o Raza Sayaguesa BM Zamora, mañá desde as 19 horas. E o domingo ás 10 fronte ao subcampión da Primeira División de Euskadi, o Bera-Bera B. Este é o camiño que se abre diante do Meloxeira Rasoeiro no Polideportivo Ángel Nieto de Zamora no Sector B da fase de ascenso. Un dos seis nos que se repartirán esta semana a media ducia de vacantes na División de Honra Prata Feminina.

Hoxe, ás oito e media da mañá, a expedición meca partía cara o seu destino. Co plantel que dirixe a xogadora-adestradora Carla Casal (25 anos, extremo esquerda) confiando en dar a sorpresa despois de se ter metido na derradeira xornada da fase de clasificación arrebatándolle o pasaporte ao Moaña, para beneficiarse da renuncia do subcampión galego, o Porriño B. «Imos tentar gañar a fase, e ascender», declaraba onte Casal, unha das tres supervivintes no equipo daquel plantel que no 2014 facía historia no Rasoeiro converténdose no primeiro conxunto sénior do club en disputar unha fase de ascenso a unha categoría estatal. Lara Otero (24 anos, extremo/lateral dereita) e Ariana Vázquez (27 anos, central) son as outras veteranas de Usurbil que repiten experiencia.

A xogadora-adestradora do Meloxeira confesa que carecen de máis información dos seus rivais da que dan as súas posicións finais nas súas respectivas ligas autonómicas; no caso do Bera-Bera, co engadido de ser conscientes de atoparse ante o segundo plantel dun dos grandes clubs da División de Honra Feminina-Liga Guerreras Iberdrola.

Cun xogo sustentado na súa produción ao contragolpe e unha defensa en 6-0, o Meloxeira Rasoeiro sorprendeu esta tempada a propios e a estraños coa súa clasificación para a promoción de ascenso, tras salvar polos pelos a tempada anterior o descenso á Segunda División Galega practicamente co mesmo plantel. Sorpresa en primeiro lugar para a propia Carla Casal, que con 25 anos se estreaba nun banquiño sénior convencida pola directiva do club e mais polo seu homólogo no primeiro plantel masculino meco, Kito Parada, ao igual ca ela actuando nos partidos a ambos os lados da liña lateral da cancha.

Con Natalia Pérez (18 anos, lateral esquerda) baixa de última hora, o Rasoeiro viaxa con Illa Agrelo (18 anos) e Laura del Castillo (24) na portería, con Alba Piñeiro (18 anos), Sara García (25) e Rosalía Parada (33) no pivote; María López (26 anos), as mencionadas Carla e Lara, e as as xuvenís de primeiro ano Thais Vila e Natalia Romero nos estremos; Ángela López (26 anos) e Ariana de centrais, e Noelia Pérez (23 anos) e Patricia Rodríguez (22) laterais.

«O importante agora é pasalo ben, gozar, e acabar a Liga dunha maneira que non agardabamos ninguén», salienta Carla. Un premio ao esforzo nunha longa tempada que incluíu a venda de camisolas e unha mañá musical o pasado sábado na Rúa Pratería para recadar os 3.000 euros precisos que custa o desprazamento e estadía en Zamora. Viaxe para o que o Rasu conta tamén con patrocinios de pequenas firmas locais, e axudas de particulares a través de huchas repartidas en establecementos hosteleiros do Grove.