O Grove busca novela para o Lueiro Rey

O GROVE

MONICA IRAGO

O Concello distribuíu as bases do concurso entre concellos, bibliotecas e institutos de toda Galicia para animar a participación

21 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Vinte cinco edicións cumpre este ano o premio de novela curta Manuel Lueiro Rey. O certame é xa un clásico e o Concello do Grove quere que, un ano máis, sexan moitos os autores que concorran ao mesmo. Por iso hai uns días empezou a repartir as bases desta convocatoria por concellos, bibliotecas e institutos de toda Galicia. A medida busca dar a coñecer as condicións para a participación neste prestixioso galardón. Os interesados dispoñen hasta o 15 de setembro para poder presentar os seus traballos.

Explica a concelleira de Cultura, Emma Torres, que o Concello leva dende o ano 92 convocando este certame, que conta tamén coa colaboración da Deputación de Pontevedra. Con elo quere honrar a vida e a obra do escritor meco e, ao mesmo tempo, contribuír á promoción escrita en galego. O premio está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra gañadora. Poderán presentarse a este galardón as persoas físicas que presenten os seus textos en lingua galega. As bases están dispoñibles na web municipal.