A tartaruga «Beo» volve ao mar logo de recuperarse no acuario do O Grove

La Voz O GROVE

O GROVE

Cedida

O exemplar presentaba a apuntación da aleta pectoral dereita e signos de desnutrición

22 sep 2017 . Actualizado a las 17:07 h.

A Consellería de Medio Ambiente facilitou a reincorporación ao medio natural dunha tartaruga mariña logo dun longo proceso de recuperación nas instalacións do acuario do Grove. Este exemplar, incluído no catálogo galego de especies vulnerables, presentaba amputación da aleta pectoral dereita, diversas lesións cicatrizadas ao longo do seu corpo, desnutrición e deshidratación cando foi recollido, hai ano e medio, polo persoal de campo do departamento de Medio Ambiente na praia da que tomou o seu nome: Beo, en Malpica. Tras a primeira fase de recuperación nas instalacións da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) en Nigrán, foi trasladada ás piscinas do acuario do Grove, onde podía nadar e fortalecerse na compaña doutros especies. Con todo, e seguindo as recomendacións do persoal veterinario encargado do seu coidado, permaneceu nestas condicións durante todo o inverno ata que no pasado mes de abril puido reintegrarse para a súa aclimatación.

Grazas á atención recibida, a tartaruga logrou acadar o peso e o tamaño necesarios (1,70 quilogramos e 25 centímetros) e recuperou, pese á falta da aleta dereita, as súas habilidades para a natación e o mergullo compensatorios, polo que está en condicións de volver ao seu hábitat. Deste xeito, embarcou a bordo do TYBA III, no Porto do Grove, para reintegrarse no seu medio natural, a 12 millas da costa galega, segundo informa a consellería.

Cómpre indicar que a recuperación de ‘Beo’ levouse a cabo no marco dun convenio de colaboración que a Consellería de Medio Ambiente ten asinado coa CEMMA para a atención e recuperación deste animais que, con frecuencia, varan na costa galega. O traballo da Coordinadora abrangue, tamén, a toma de mostras e estudo das principais causas de mortaldade destas especies .