Un amargo Mundial de medallas de prata, de bronce e de chocolate

O GROVE

CEDIDA

Campos, Ferro e Tania Álvarez mesturan no seu balance o valor do feito en Sudáfrica coa frustración de terse proxectado máis arriba

13 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O illense Ramón Ferro e os grovenses Tono Campos e Tania Álvarez tiñan prevista onte a súa chegada a primeira hora da noite ás súas respectivas casas, despois de iniciar o luns ás seis da tarde o camiño de volta desde Sudáfrica unha vez completada a súa participación no Campionato do Mundo de Maratón. Aproveitamos a súa longa escala no aeroporto de Barajas, en Madrid, para charlar cos tres referentes arousáns dunha selección española que tamén contou co debú internacional das kaiakistas das Torres-Romaría Vikinga Xoana Torres e Aldara Merino, oitavas no K-2 Júnior. Ferro, Campos e Álvarez coinciden nunha valoración de contrastes. Entre a conciencia do valor dos seus sobresaíntes resultados, e a amargura por terse proxectado no máis alto do podio, os veteráns canoístas, e cunha medalla no colo a Sub-23.

 

tono campos

Dous bronces que «saben a pouco» na «tempada máis dura da miña carreira». A rotura do músculo peitoral a comezos de ano retrasou case seis meses a preparación do padexeiro grovense máis laureado a nivel internacional da historia. O seu título no C-2 e o subcampionato no C-1 no Europeo a comezos de xullo fixo soñar a Campos cun gran Mundial, pero tivo que conformarse con pechar os dous caixóns do podio da canoa sénior masculina. «No C-1 ía ben, en cabeza desde a saída. Mesmo me escapei na primeira ciaboga, e agardei polo resto. Pero tras o cuarto porteo pegoume unha pájara tal, que non daba remado. Non teño explicación», relataba onte o meco. Por sorte «no quinto porteo, no que estiven a piques de retirarme, recuperei un pouco, e din chegado. Foi unha mágoa, porque estaba moi, moi forte. Ata o campión, o húngaro Marton Kover, preguntoume despois que me pasara, porque me vira moito mellor ca el». Ante o acontecido, o domingo Campos reservouse a primeira parte da regata do C-2. «Estaba preocupado», confesa. «Cando vin que podía ir, no cuarto porteo unha mala manobra nosa levounos ao chan. Enterreime ata os xeonllos en lama, e xa non recuperamos». Tono comenta que, «sendo a tempada máis dura da miña carreira, polo estrés físico e mental pola lesión, iamos preparados a Sudáfrica para facer algo mellor. Unha motivación máis para buscar no 2018 engordar as súas 20 medallas internacionais de maratón.

 

 

tania álvarez

«O cuarto posto está ben, pero foi unha mágoa, podía ser mellor». Quince segundos separaron a breoganista do seu primeiro bronce mundial en Sudáfrica. Nun esprint final no K-1 Sub-23 perdido ante unha inglesa que, di, «chegou máis fresca, porque non colaborou en ningún momento» con ela en tirar adiante. Esa picardía, e non terse hidratado mellor son os reproches que Álvarez se fai: «Doe perder a medalla por nada». Un sexto posto no K-2 Sénior no Mundial pechou o seu sobresaínte ano, campioa de España de maratón no K-1 Sub-23, quinta de Europa con problemas na bomba de achique, e gañadora do K-2 Muller Sénior do Sella. No 2018 toca o salto a sénior. Pero agora, zanxa Tania, «toca descansar».

 

piragüismo

Ramón Ferro: «Case, case seguro que a nivel internacional non compita máis»

Coa prata do pasado domingo en Pietermaritzburg, Sudáfrica, Ramón Ferro e a súa inseparable parella pontevedresa Óscar Graña suman 21 medallas entre Europeos e Mundiais. Esta podería pechar a conta. «Levo 5 anos dicindo isto. Pero desta volta é case, case, case seguro que a nivel internacional non compita máis», declarou onte o canoísta illense. «Son 39 anos xa, e agora mesmo non hai nada que me anime a seguir». Nin quitarse a espiña cravada en augas sudafricanas, das que a parella galega, apunta, volta «cun sabor un pouco como amargo. Iamos ben preparados, pero ao final non puidemos gañarlles aos húngaros», que se impuxeron ao esprint a falta de menos de medio quilómetro logo de ter dado notables síntomas de debilidade nas ciabogas, onde se quedaban ante os pulos dos pontevedreses.

«Nos queda la duda de qué hubiese pasado de atacar antes», sinala Óscar Graña, que entende o cansazo do seu compañeiro, e que con 40 anos comparte as súas dúbidas sobre se seguir outro ano. E haille que conceder que «tampoco es mal broche si acabamos aquí».