Entrevista a Kito Parada: «Xa non teño máis que pedirlle a este club».

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

17 may 2016 . Actualizado a las 13:36 h.

A historia do Rasoeiro xa non se pode entender sen o home que dirixíu o seu primeiro equipo á súa maior cota deportiva, Kito Parada.

-Primeiro subcampionato de Liga, debú nunha fase de ascenso a Primeira Nacional, e salto de categoría. Se non levase vostede 22 anos no sénior do Rasoeiro, diríase que foi chegar e encher...

-Si. Si. A verdade é que si [rise]. Foron moitos anos entre augas. Era unha ilusión que tivemos todos, pero sempre a viamos lonxe. Eu xa non teño máis que pedirlle ó Rasoeiro. É un soño cumprido para xente coma Borja ou coma min, que pasamos dos 30 anos. Ver o Rasoeiro un ano en Primeira non se paga con ouro.

-Na fase de Basauri eran o único segundo de grupo entre tres campións de ligas autonómicas. ¿Foi todo como vostede imaxinara? ¿De verdade se vira ascendidos?

-Non. O primeiro partido deixounos unha sensación moi boa, nunha nube. Pero o sábado o golpe foi grande, perdendo tras chegar ao descanso gañando con solvencia. O venres deixounos a Iago con rotura de aductor, e a min suspendido pola vermella. Pensei, ?que pena que non estiveramos nós?. Viámonos con menos 5 no average, e non contabamos con que o Maristas fose tan profesional. Valíalle con perder de 6, e gañou. Antes do derradeiro partido dixéronnos ?tranquilos, venimos a ganar. No nos gusta perder ni entrenando?. Pero unha cousa é que o digan, e outro velos no campo.

 

-¿Alguén ou algo que lle cruzase a cabeza ao certificar o ascenso?

-Nestas cousas sempre botas de menos exdirectivos, como o expresidente, Javier, e excompañeiros que xogaron moitísimo tempo, como García, Bruno, Sapi e Solla, que mesmo colaboraron economicamente para a viaxe a Basauri. Pensas ?que pena que non lle tocara a esa xeración?.

-Co Rasu pechacancelas e apuntando ao descenso en xaneiro do 2015 descolga as botas 9 tempadas despois e óbrase o miragre...

-Bruno fórase ao Cisne a Primeira Nacional, Borja rompía o tendón de Aquiles, tiñamos múltiples problemas de traballo... Algúns xogadores dixéronme daquela por que non voltaba botar unha man, e entre todos decidímolo. Fixemos unha segunda volta espectacular. Comezamos a crer un pouquiño na nosa calidade, e todos os xogadores sumaron un pouquiño máis a partir dese Nadal. Que eu voltase resultou un punto de inflexión. Deulle unha estabilidade ao equipo. Era o apoio que lles faltaba neses momentos puntuais do partido no que pesaba a responsabilidade.

-¿Que lle supón ser o home que levou o Rasoeiro á súa maior cota?

-Tranquilidade. Sobre todo a tranquilidade de que o traballo pagou a pena, e poder formar parte disto desde dentro da pista.