O Rasoeiro ponse a unha vitoria da histórica fase

vilagarcía / la voz

O GROVE

Os de Kito Parada vencen con autoridade ao Atlético Novás B, 26-35, no seu mellor partido da tempada

15 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Xogamos o mellor partido da tempada». Así resumía onte o adestrador-xogador do conxunto sénior masculino do Rasoeiro, Kito Parada, a contundente vitoria do cadro meco, o pasado sábado a domicilio, sobre o Atlético Novás B por 26-35. Un triunfo que, unido ao inesperado pinchazo do Conservas Boya Camariñas ante o Seis do Nadal, 29-25, dálle ao equipo arousán a clasificación virtual para a que sería a primeira fase de ascenso a Primeira Nacional na historia do club en calidade, como mínimo, de subcampión da Primeira Autonómica. Con 32 puntos, 8 máis cun Camariñas cun partido pendente, e tan só catro xornadas máis por disputar.

Paradoxalmente, Parada comenta que el «preferiría que o Camariñas estivese máis preto, porque así estaría máis motivado para gañarlle ao Teucro», líder provisional cun só punto de vantaxe sobre o Rasoeiro, cando lles toque medirse tras o parón da Semana Santa.

Pola súa banda, o equipo feminino de Primeira Autonómica do Rasoeiro venceu 30-26 o Xiria, rival que tentaba desbancalo da quinta praza, que as mecas ocupan con 24 puntos.