O Rasoeiro, máis preto da súa primeira fase de ascenso

vilagarcía / la voz

O GROVE

O conxunto grovense supera con dificultades o Culleredo e benefíciase do triunfo do Viña Costeira sobre o Camariñas

16 feb 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

Feliz sábado o vivido polos dous conxuntos séniores do Rasoeiro a pasada fin de semana no seu feudo grovense. Cos dous equipos aproximándose ás respectivas metas que a marcha da competición lles foi debuxando no horizonte.

O cadro dirixido por Kito Parada avanzou un paso máis cara a que sería a estrea dun conxunto masculino do Rasoeiro na fase de ascenso á Primeira Nacional, a categoría de bronce do balonmán español. Cun previsible triunfo sobre o oitavo clasificado da Primeira Autonómica, o Culleredo, 29-26, moito máis complicado do agardado, co plantel coruñés pegado no electrónico ata os derradeiros 5 minutos do encontro. Dous puntos sumados á vitoria do Viña Costeira Ribeiro sobre o Conservas Boya Camariñas, co cadro ourensán, cuarto na clasificación, impoñéndose ao terceiro por un 27-24 que iguala a ambos con 20 puntos, 4 por debaixo dos de Kito Parada se ben cun partido menos có cadro arousán e co líder. Un Teucro que lle gañou 26-36 ao Seis do Nadal e conta con 25 puntos, un por riba do Rasoeiro.

O equipo feminino do Monte da Vila, pola súa banda, venceu 23-19 o Teucro Pescamar no duelo entre cuarto e terceiro, recurtándolle dous dos cinco puntos de desvantaxe cos que chegaba ao choque no Grove. Deste xeito, con media ducia de partidos por diante, o Meloxeira está en disposición de completar a tempada tan só por detrás dos dous dominadores da Primeira Autonómica Feminina, o Caselas e o Porriño.

E na Segunda Autonómica Masculina, o Asmubal arrincaba un meritorio empate en casa ante o terceiro clasificado, o Moaña. O 21-21 dálle ao cadro meañés, antepenúltimo na táboa, o seu sétimo punto da tempada.