A derradeira entrevista: «A miña é unha historia de puras circunstancias»

Retranca contra azoramento: «Danme un premio por cobrar todos os meses e por ter un afección divertida. Pois ben. Guai»

Luís Rei nunha pausa na que non soa ese teléfono polo que chegan mil felicitacións.
Luís Rei nunha pausa na que non soa ese teléfono polo que chegan mil felicitacións.

cambados / la voz

O «verbo florido» de Luís Rei gaña cos anos. Onte, este home -un «erudito á vella usanza, axitador cultural» segundo os seus amigos- recolleu o premio Ramón Cabanillas que cada ano entregan os libreiros de Cambados. Os seus anos de técnico cultural na vila e o seu traballo sobre o Poeta da Raza son algúns dos méritos que ten na súa conta. Inda que, xa o verán, o protagonista desta entrevista asegura non ter feito nada máis que estar no lugar adecuado no momento xusto.

-¿Contento co recoñecemento?

-Moi contento e moi agradecido porque é un premio moi cercano... E precisamente por iso, ou lle poño un pouco de ironía, ou estou azorado todo o tempo... O outro día botei contas: fixen medio millón de quilómetros entre O Grove e Cambados, entre idas e voltas durante 28 anos, e en medio millón de quilómetros hai anécdotas e hai recordos... Agora ben, eran viaxes ao traballo, para gañar o soldo, como os de moita outra xente. Iso non merece un premio...

-Home, está tamén que «tivo que vir un do Grove a escribir a biografía de Cabanillas»...

-Si, non sei canto de traizón á patria hai niso [ríe]. Non, non, eu son moi salnesiano... Prémianme pola miña dedicación á figura de Cabanillas, e non vou dicir que non teña mérito. Entre as primeiras gamberradas políticas que fixen estivo entorpecer [risas de novo], poñer en solfa un recitado diante da tumba de Cabanillas, a mediados dos setenta. Eu daquela nin pensaba nin deixaba de pensar nel, era un home, un nome nunha rúa. Podo dicir, iso si, que un dos dez primeiros libros que merquei foi Da terra asoballada. Foi logo, por oficio, cando me atopei con que tiña que ordenar documentación que xa existía, que estaba aí, sobre Cabanillas. E descubrín que había partes que me interesaban porque me divertían. A partir de aí a xente vai traendo máis documentos á biblioteca, vaste xuntando con cousas e chega o momento no que pensas, vou escribir unha biografía... A biografía fírmoa eu, pero é un traballo colectivo. E non é modestia, é que si non o digo sae unha idea falsa do tema. En resume. Danme un premio por cobrar todos os meses e por ter un hobbie divertido... Pois ben. Guai. ¡Que podo dicir!

-¿Que queda daquel Luís o Trosko que rebentou o acto de Cabanillas, da súa ideoloxía?

-Non o rebentamos, foi unha acción anarco-trotskista de protesta. Puxéronse a recitar poemas diante da tumba, e nós... Gritamos cosas... Da ideoloxía de Luís o Trosko queda todo. Alí era onde se falaba e se documentaba que era isto da casta, cal era o problema das burocracias sindicais... Falábase de democracia, de democracia verdadeira, non de paripés... Quédame case todo, porque é o momento de que me quede... Hai un chiste que di que onde hai dous trotskistas hai tres tendencias... Nós si que eramos La vida de Brian, pero menos cómico: facías unha proposta, facías fotocopias e repartíalas entre a xente para discutila seriamente. Non como estes delirios sicotrópicos que hai agora... Pero non quero falar da política...

-Pois foi político (concelleiro do BNG no Grove). Como di Xesús María González no libro, moitas veces no lado dos perdedores...

-E o di moi contundentemente. Eu non estou satisfeito de que me cadrase ter sido sempre oposición no Concello... E se é polo lado das disidencias internas, de que me tocase estar do lado numericamente derrotado. Supoño que si perdín tantas veces é porque me enganei moito. Eu, no ámbito da política de esquerdas, non son nada canónico, con ir nunha dirección xa estou contento. Pero todo o que sexa ir en dirección contraria por estratexia, por votos... Aí falamos dun problema. E é certo que nunca calei. E así perdes seguido... Pero eu non tiña intención de perder. Aínda que aquí literariamente me poñan na épica e na lírica do derrotado, eu quería gañar.

-Falemos do libro. Hai moita xente que escribe marabillas de vostede. Iso si que é unha vitoria, ¿ou non?

-Home... O libro é unha homenaxe absoluta. Dende o título, Luís Rei, crónica de traballos e amizades. O meu sobre Cabanillas é Ramón Cabanillas, crónicas de desterros e saudades. Claro que botei un par de bágoas cando o lin -igual un par acábaseme pronto-... Pero inmediatamente boto man da retranca, porque se non póñome azorado... Encantoume, por exemplo, que o teatro dos domingos o recorde moita xente, eu sempre o sentín como algo importante. As broncas da biblioteca -proclamo e manifesto que sempre foron en lexítima defensa- forman parte da paisaxe humana de xeracións de cambadeses.

-¿Atópase neses retratos?

-No conxunto si. Non teño idea de ser un dandi mariñeiro, pero faime unha ilusión de carallo que haxa quen o pense [risas]. Eu tamén lembro moitas anécdotas de todos estes anos. Pero que non se perda a perspectiva. Aínda que traballase con libros, con cultura marítima, aínda que se mesturasen as miñas afeccións, as miñas amizades... O fundamental é que todo era un traballo.

-¿De todo o que se di, que foi o que máis lle sorprendeu?

-O que me sorprendeu é... [pensa un intres]. Eu sei que teño aristas, e que non sempre as modulo... Sei que mil veces puxen a cen o motor e levei por diante o que fixera falta... Non falo de que ninguén me recrimine cousas, falo de que, sendo os que escriben xente con capacidade para botarme algunha pullita, non o fixeron inda que terían, primeiro, dereito, e segundo, razón. Ademais, danme méritos que non me corresponden. A miña é unha historia de puras circunstancias. De estar alí cando había que facer algunhas cousas, e de facelas.

luís rei premio cabanillas dos libreiros

«Da ideoloxía de Luís O Trosko queda todo. Xa falabamos de que era iso da casta»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

A derradeira entrevista: «A miña é unha historia de puras circunstancias»