A alcaldesa de Meis di que a oposición fai o ridículo á hora de valorar a anulación do contrato do lixo

La Voz MEIS

MEIS

Martina Miser

Marta Giráldez mantén que vai recorrer a sentenza e que iso non afectará ao servizo

18 mar 2023 . Actualizado a las 14:17 h.

Continúan as reaccións políticas á sentenza que anula o contrato do servizo de recollida de lixo do Concello de Meis, feito pola Mancomunidade do Salnés a favor da empresa Valoriza. PP e BNG criticaron o papel desempeñado neste asunto pola alcaldesa Marta Giráldez que é, ademais, presidenta da mancomunidade e a socialista, pola súa banda, di non saír do seu asombro. Giráldez recoméndalles que «para falar primeiro se debería informar se non sabe, porque é evidente que non sabe, cando fala de conxelar as taxas xa que o goberno de Meis ten as taxas conxeladas dende o 2019». Refírese a rexedora á proposta feita polo PP, pola que pide un pacto municipal para conxelar as taxas. «A concelleira do PP bota o que lle sae pola boca sen documentarse, aínda que isto supoña facer o ridículo».

Entende o grupo popular que o contrato á concesionaria do servizo do lixo foi a dedo, ao cal Giráldez respóndelle: «Dedazo é adxudicarlle o servizo a unha empresa mediante un procedemento urxente sen publicidade, que foi o que fixo o PP no pasado. Polo contrario o goberno de Meis levou a adhesión a un pleno en Meis sendo aprobada a proposta por seis votos a favor (PSdeG e BNG), e tres en contra (PP). Logo o expediente levouse á manconunidade, onde o órgano de contratación e a comisión executiva de alcaldes (con alcaldes de toda a cor política), e alí foi aprobada por unanimidade. Mais transparencia, e bo facer imposible».

Subliña a rexedora que o BNG de Meis tamén votou a favor en pleno. «O voceiro do BNG debería repasar o que di para logo non entrar en contradicións, xa que tamén pode chegar a ser ridículo. Quizais debería revisar o seu posicionamento porque eu creo que o BNG de Meis ten incluso desorientados aos seus votantes».

Marta Giráldez afirma que a sentenza do contencioso administrativo foi a única desfavorable de cantas afectaron ao contrato do lixo da mancomunidade e reitera a súa vontade de recorrela. «Vaise recorrer e en ningún caso vai afectar ao servizo, que se vai seguir prestando con normalidade, vanse seguir colocando contedores novos e seguir lavando con mais frecuencia. En resumo seguiremos tendo un servizo moito mellor co que no seu día herdamos do PP, pese a quen lle pese, porque lle recordamos ao PP e ao BNG que nos viñemos para mellorar a vida dos veciños e das veciñas, a oposición verá se quere seguir poñendo paus nas rodas e terán que responder ante o seu electorado».