O PP de Meis pide un pacto municipal para conxelar as taxas do servizo do lixo

La Voz MEIS / LA VOZ

MEIS

Martina Miser

Presentará unha iniciativa no vindeiro pleno pola solicitará explicacións á alcaldesa sobre a anulación do contrato do servizo

17 mar 2023 . Actualizado a las 16:31 h.

O Partido Popular de Meis presentará no próximo pleno municipal unha iniciativa con fin de que a alcaldesa, Marta Giráldez, dea explicacións sobre o proceso de contratación do servizo municipal da recollida do lixo logo de que un xulgado do contencioso anulase o acordo polo que a Mancomunidade do Salnés adxudicou o servizo á empresa Valoriza.

O PP pídelle responsabilidades á socialista e propón un pacto «para consensuar un proxecto adecuado para prestar a recollida de lixo e limpeza que atenda aos intereses xerais e reais da cidadanía e do Concello». Este pacto pasaría porque sexa a próxima corporación municipal resultante das eleccións de maio a que adopte os acordos que atinxen á recollida do lixo e a limpeza e aprobe unha conxelación no prezo das taxas, «que están fixadas en 54 euros anuais para as vivendas e que desde o PP entenden que é unha cifra que non se debe incrementar».

Opina o PP liderado por Marta Lucio que o aumento de custes para o Concello no contrato do lixo —que pasou de 125.000 euros anuais a 207.000 euros— terá repercusións fiscais, e «coa situación que teñen as familias, é impensable que se lle aumenten as taxas municipais», argumentan.

Marta Lucio insiste en pedirlle á rexedora e presidenta da mancomunidade que non recorra a sentenza que anula o contrato do lixo, «por que o único que vai provocar é que se dilapide máis diñeiro de todos os veciños de Meis en gastos xudiciais».

Finalmente, o PP de Meis lamenta que o BNG «saia agora de suposto defensor dos veciños e critique a xestión da alcaldesa neste asunto, cando realmente sostén a Marta Giráldez e ao PSOE no goberno de Meis, e a partir de maio, se ten a oportunidade, volverá a facelo sen ningún tipo de dúbida».