Douscentos escolares de Meis forman unha cadea humana coa lonxitude do Prestige

La Voz MEIS / LA VOZ

MEIS

Os pequenos lembraron a protesta que hai vinte anos mobilizou a 55.000 persoas entre Muxía e Laxe

24 ene 2023 . Actualizado a las 21:28 h.

Vinte anos despois, as cicatrices do Prestige seguen moi presentes no ánimo das xentes de Arousa, que pelexaron coas súas propias mans para protexer o seu mar e a súa forma de vida da ameaza que supuña o negro contido daquel petroleiro monocasco que foi a pique fronte á Costa da Morte. Onte, os alumnos do colexio de Mosteiro, en Meis, lembraron aquela loita cunha cadea humana que percorreu a avenida Médico Paz Andrade.

Dous centenares de escolares participaron nunha iniciativa que trouxo á memoria a multitudinaria cadea que o 22 de xaneiro do 2003 uniu Muxía e Laxe. Estivo formada por 55.000 persoas, na súa meirande parte pertencentes á comunidade educativa: 42.000 alumnos procedentes de toda Galicia e tres mil dous seus profesores constituíron o núcleo daquela fermosa e contundente protesta.

O petroleiro preñado de fuel posuía unha eslora de 243,5 metros. Esta é a distancia que onte quixeron igualar os pequenos de Meis. Obviamente, eles non coñeceron en persoa o que aconteceu. Pero a memoria colectiva está para algo. Para nunca esquecer. Por iso, a intervención acompañouse da proxección do documental 20 anos de dignidade, que impulsa a Deputación de Pontevedra.