
Pasalo ten oito anos e chegou en outubro á CAAN da Deputación
17 ene 2023 . Actualizado a las 16:10 h.O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra vén de despedir a Pasalo, o can que máis tempo levaba nas instalacións da Armenteira, onde chegara en outubro do 2020 tras ser recollido en Sanxenxo. Pasalo viaxou nas últimas horas a Rianxo xunto a Coa, outra cadela do CAAN que tamén saíu en adopción cara ao mesmo fogar na localidade coruñesa.
O can ten oito anos de idade e xunto a Coa, de dous anos, está xa a adaptarse perfectamente ao seu novo espazo, como destaca Ángel Antelo, o seu adoptante. «Están felices -di- e relaxados, paseando na finca». Antelo comenta que soe convivir con dous cans e que os que tiña morreron o pasado ano. Á hora de apostar pola adopción no CAAN, elixiu a Coa, máis moza e que conserva o seu nome, e a Pasalo, que agora se chama Nano, «porque sempre me gusta ter un can maior, xa que a priori son os que teñen menos posibilidades de ter saída».
Trala marcha de Pasalo, os animais que agora levan máis tempo no CAAN están no centro desde o ano 2021, «cumpríndose deste xeito un dos principais obxectivos do centro, que é que os animais atendidos pasen o menor tempo posible antes de acadar a súa adopción», segundo informa a Deputación. Agora, a nova avoa do centro é Faixa, de seis anos de idade e que fora recollida en Vilanova en febreiro do 2021 xunto aos seus 9 cachorros que xa foron adoptados.