Protección Civil de Meis recibirá un novo vehículo de emerxencias subvencionado pola Xunta
MEIS
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, visitou onte a sede da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Meis. Fíxoo para comunicarlles aos seus 35 integrantes a concesión dunha pick-up de emerxencias por parte da administración autonómica ao abeiro da correspondente orde de axuda a equipamentos desta natureza na comunidade.
No seu paso por Meis, acompañado por Miguel Ángel Pérez Dubois, xefe provincial de Emerxencias, Luis López trasladoulles aos voluntarios de Protección Civil o «máximo apoio» da Xunta á súa agrupación, enxalzando o labor de atención á cidadanía e de xestión de emerxencias que fan cada día: «Esta agrupación traballa de xeito exemplar e ten unha evolución e unha traxectoria que a converteron, nos 25 anos de historia que vai cumprir neste 2022, nunha das agrupacións máis destacadas da provincia grazas ao esforzo, profesionalidade e adicación dos seus compoñentes e ao apoio da Xunta de Galicia». Palabras coas que o delegado territorial da administración autonómica puxo en valor un cuarto de século de «inxente traballo altruísta e desinteresado a prol da sociedade».
A visita servíulle a Luis López para coñecer de primeira man a dinámica de funcionamento e as necesidades que os 35 voluntarios do colectivo meisino teñen á hora de sacar adiante as tarefas de cobertura de emerxencias e outros servizos de apoio á cidadanía. Labores para os que, informan desde a oficina de Luis López, a Agrupación de Protección Civil de Meis recibíu nos últimos anos preto de 75.000 euros da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta. Con eses cartos mercouse material diverso, desde un traxe para a erradicación de niños de velutinas, un desfibrilador, un remolque ou a inminente nova pick-up.