Meis inicia a redacción do seu plan de mobilidade no que inclúe unha consulta aos veciños

la Voz

MEIS

MARTINA MISER

Os interesados en facer propostas poderán presentalas a través da web municipal

17 nov 2021 . Actualizado a las 14:24 h.

O Concello de Meis vén de iniciar a redacción do seu Plan de Mobilidade Sostible, unha ferramenta de planificación do territorio que potenciará unha accesibilidade universal incentivando prácticas como camiñar, o uso da bicicleta e do transporte público.

O equipo redactor xa comezou a avaliar a calidade do espazo público e localizar aqueles puntos sobre os que resultaría de especial interese actuar.

Nos vindeiros días porase tamén en marcha, a través da web do Concello, unha consulta dixital on line na que calquera persoa residente no termo municipal terá a opción de participar, de xeito que sexa posible coñecer tanto as demandas e propostas como os hábitos de mobilidade da súa veciñanza en relación ao Plan de Mobilidade Sostible.

Cuestionario virtual

O cuestionario virtual, que será de carácter anónimo, poderá cubrirse ata o 19 de decembro. O enderezo web é o seguinte: www.plandemobilidade.com/meis.

Dita consulta virá a sumarse ás mesas de participación cidadá, nas que os diferentes colectivos e a veciñanza interesada poderán participar en horarios de mañá e tarde en dependencias municipais, nunha data aínda por decidir. De xeito adicional poderán enviarse suxestións ao correo electrónico meis@plandemobilidade.com . Tamén haberá entrevistas cos chamados «axentes chave».

Análise e diagnose

A redacción do plan comezará cunha fase inicial de toma de datos e análise da situación actual, fase tras a cal procederase á diagnose dos problemas concretos de Meis en canto á mobilidade e uso do espazo público.

«Este proceso permitirá orientar a busca de solucións, propostas e conclusións que axuden a mellorar a mobilidade actual no ámbito da sustentabilidade», segundo indican desde o Concello de Meis.

«A necesidade de desenvolver un Plan de Mobilidade en Meis xorde a raíz da crecente preocupación polo medio ambiente e o fomento de modos de transporte sustentables», engaden as mesmas fontes. O obxectivo final é reducir a contaminación e, con elo, coidar a saúde do planeta.