Os tres directores noveis que levan a creación local á pantalla do Curtas

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

MEIS

MONICA IRAGO

Guionistas tamén das súas obras, traballan xa ilusionados en novos proxectos

28 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando o Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa baixe este domingo o telón da súa edición en marcha, pola pantalla grande do Salón García teránse proxectado en dez días case un cento de curtametraxes e longametraxes producidas en 35 países diferentes. Entre os traballos a concurso nas oito seccións oficiais do certame figuran tres curtas de autoría arousá. Un número que non se recorda, a lo menos en moito tempo, na cita audiovisual decana de Galicia. Tres propostas conectadas a través dos seus títulos de crédito. Con cadanseu director compaxinando o labor de guionista dunha creación xurdida da ansia por contar unha historia que crían merecía ser narrada.

Eloy Puga Santalla (1990) e Frank Torres Panyza (1976) coincidiron o martes nos pases da sección Curtas Outros Xéneros Ficción. Puga presentou Despojos, o primeiro título xurdido da produtora One Take Filmes, que o vilagarcián fundou este ano logo de doce traballando e formándose en Mr. Misto Films. Formado en interpretación na Escola Espazo Aberto de Santiago, en Mr. Misto Films Puga fixera a súa primeira incursión no mundo das curtametraxes nada máis chegar, no 2008, dirixindo Gorrillas a modo de práctica nun curso de iniciación ao documental. Desde aquela, todo fora ser parte do equipo técnico dos proxectos doutros. Ata que coa pandemia quedou sen traballo e a súa muller, Adriana, o impulsou a montar a súa propia factoría audiovisual. 

O home de One Take Filmes tiña clara cal era a primeira historia que quería contar. Director de Trimentes, a compañía teatral que montou no 2018 con Ricardo García e con Alejandro Guanella, actor arxentino afincado en Vilagarcía, Despojos naceu das «conversas creativas que mantivemos Guanella e mais eu coa idea de facer unha longametraxe sobre a súa vida», sinala Puga. A base argumental: «Unha feble fronteira entre o éxito e o fracaso, a cordura e o delirio». A sinopse: «Un actor exitoso atópase da noite á mañá envolto nun angustiante esquecemento do medio, do público e de si mesmo». Co reto de «en tres días ter todo acabado. E en tres días o estivo». Rodado a modo de, explica o director, «un falso documental, cámara en man, cunha dirección dogma e filmación de toma única na que non houbo que repetir tomas». Todo pensado para «poñer o centro no personaxe e na historia, cun final sorprendente». 

Próximo thriller decimonónico

Ademais de soñar con poder dimensionar a historia de Guanella nesa longametraxe falada nas conversas co arxentino, Eloy Puga está inmerso xa na preprodución dunha nova curtametraxe. Esta, di, «máis elaborada, de xénero fantástico, ambientada a mediados do século XIX. Un thriller con doses de terror que vai beber do Expresionismo alemán. Xa teño a casa perfecta en Vilagarcía para a rodaxe».

Conectados é o nome da primeira curtametraxe de Frank Torres Panyza. Venezolano afincado en Meis desde hai dez anos, socio da meisina Mónica Maquieira na produtora audiovisual Visual VR, especializada en videomárketing, Torres conta que o seu traballo a concurso no Curtas Festival do Imaxinario «fue una especie de reto. Nos gusta contar historias, y queríamos ver si éramos capaces de guionizar y realizar un cortometraje». Pero, que contar? 

«Un día, cenando con mi familia, me encontré viendo a mi hija, a mi mujer y a mi suegra atendiendo todas al móvil». E a Frank k ocorréuselle unha historia sobre «la hiperconectividad en la que vivimos, desde un punto de vista histriónico y simpático». Rodando nun só día con catro actrices, dúas vilagarciás, e dous extras, ambientando da nada nun baixo a perruquería na que transcorre a acción cun equipo técnico de sete persoas. Todos, remunerados por Visual VR, subliña o seu socio. 

O director e guionista dá o investimento por ben empregado tras comprobar o martes a reacción dos espectadores do Curtas á súa obra: «¡Fue fantástico! Primero, verlo en pantalla de cine. Y después, la interacción con la gente, ver que la gente se rio con nuestro corto y descubrir partes del guion que no pensábamos que fuesen a funcionar tan bien».

Tan satisfeito quedou Torres, que adianta «vamos a seguir haciendo cortometrajes». Pero antes, anuncia sen desvelar detalle, busca comprador para un reality show e pensa nunha longametraxe.

As dúas mellizas vilagarciás que queren amosar a represión franquista nos institutos, e logo a súa historia

Coral Piñeiro González ten 23 anos, como a súa irmá melliza Laura. Non tiveron que vivir no Franquismo. Nin sequera son fillas da Transición, épocas ambas que coñecen polos libros de Historia e polas historias que puideran ter escoitado de quenes si estaban no mundo naqueles anos. Pero nin dun lado, no colexio e no instituto, nin do outro lles contaran a existencia de once campos de concentración en Galicia durante a Guerra Civil e os primeiros anos da posguerra. Descubrírono nas páxinas dun xornal. E de aí, explica a vilagarciá Coral, Dores. 

A curtametraxe, proxectada o pasado sábado na sección Outros Xéneros Documentais do Curtas, «trata de contar por que non se sabe isto na nosa sociedade, pero tamén outras tantas cousas do Franquismo», expón Coral, directora, cámara e coguionista xunto coa súa irmá -tamén montadora- e con dúas compañeiras de estudos da Facultade de Comunicación Audiovisual de Santiago, Clara Miñán e Maite Martínez.

Feito como Traballo de Fin de Grao dun título universitario que obtiveron o ano pasado, as autoras de Dores construíron, cos seus escasos medios, un documental «contando o que pasou sen rancor, reunindo a dous familiares dunha vítima e dun verdugo». 

O Curtas é o noveno festival que proxecta Dores, co paso polo DOC de Barcelona, o Incorto de México, El Cine Suma Paz de Colombia ou o OFF de Ourense, no que vén de recibir o Premio do Público na sección Documental.

Coral sinala que «nos gustaría complementar a curta cunha unidade didáctica e levala aos institutos falando da represión desde un punto de vista máis humano, menos académico». Ao tempo, as irmás buscan financiamento para sacar un proxecto «sobre nós, ser mellizas e a busca da identidade».

Unanimidade á hora de catalogar o festival como un tesouro para a capital arousá

«Para nós estar nun festival de cine fantástico cun documental está moi ben. O Curtas é moi aberto, deixa ver máis xéneros aló do fantástico e de terror», comenta Coral Piñeiro González sobre o certame da súa vila. Unha peza máis á hora de enriquecer o ecosistema audiovisual que nos últimos anos está a xerminar na comarca, con cada vez máis nomes propios en moi diferentes eidos do sector, unha parte importante traballando fóra en producións de alto nivel.

Frank Torres, director e guionista de Conectados, quedou «gratamente sorprendido de la organización del Curtas. ¡Ha sido fantástico poder participar! Es una pasada tener un festival de este nivel en Vilagarcía. Y la posibilidad que da de visualizar a gente que empieza». 

Pola súa parte, Eloy Puga fala desde os dous extremos. O de director e guionista de Despojos. E o de colaborador da organización do propio Curtas, encargado das proxeccións no Salón García durante as dúas fins de semana que o calendario do certame pisa: «Para min é unha xoia que temos en Vilagarcía! Para min, que son un fan do cine de autor, é o festival que máis recoñecemento debería ter a nivel Galicia, no que é o decano». Puga entende que o Curtas merece máis apoio, e está convencido de que «vai medrar» se chega ese maior respaldo.