O cribado en Meis sáldase con cero positivos e luns e martes farase en Meaño

La Voz MEIS

MEIS

Martina Miser

En Meis efectuaron a proba voluntaria 1.170 veciños de entre 30 e 60 anos

20 feb 2021 . Actualizado a las 17:39 h.

Nos test rápidos de antíxenos efectuados onte e hoxe no Concello de Meis no se detectou ningún caso positivo de covid-19. Así o acaba de anunciar o Servizo Galego de Saúde, unha vez rematado o cribado feito no municipio, este mediodía. A Consellería de Sanidade convocou, gradualmente, vía SMS, aos veciños de entre 30 a 60 anos de idade con tarxeta sanitaria activa no centro de saúde deste municipio, colectivo que nesta localidade acada as 1.655 persoas.

Achegáronse a efectuar o cribado un total de 1.170 cidadáns, cifra que representa unha porcentaxe do 70,6 por cento da convocatoria voluntaria. 

A alcaldesa Marta Giráldez doulle os parabéns á veciñanza a través das redes sociais pola súa colaboración así como a protección civil polo traballo feito estes días para facilitar o cribado no centro de saúde da Rochela.

Por outra banda, o Sergas informa de que o centro de saúde de Meaño cribará con test rápidos de antíxenos á poboación as tardes do luns 22 e martes 23 de febreiro. Convocaranse a 1.835 persoas dentre 30 a 60 anos con tarxeta sanitaria activa no centro de saúde desta localidade. 

Pola súa banda, o Concello de Meaño roga aos cidadáns que estean pendentes do teléfono e máxima puntualidade e axilidade á hora de facer a proba para evitar aglomeracións innecesarias. Recoméndase tamén acudir cun pouco de antelación e esperar no coche para facilitar o cumprimento das normas de distanciamento social. Para a realización do cribado estarán no centro de saúde tres equipos de enfermería, que efectuarán tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, realización e procesado das tomas de mostras nasofarínxeas e información aos usuarios.

O alcalde de Meaño Carlos Viéitez agradece a autorización deste cribado solicitado polo Concello a semana pasada «xa que será beneficioso para detectar posibles casos asintomáticos e prever, no caso de que fose necesario, actuacións máis eficientes en canto a illamentos e confinamento dos contaxios detectados», segundo indican desde o Concello.