Muti, unha cadela rescatada en Caldas á que houbo que amputarlle unha pata, atopa familia en Vigo

La Voz MEIS

MEIS

cedida

Con ela son once os animais da canceira da Deputación situada en Meis adoptados no que vai de ano

16 ene 2021 . Actualizado a las 14:05 h.

Seguen as boas noticias desde o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra. Muti, unha cadela mestiza de seis meses que fora recollida hai dous meses en Caldas nunha situación moi delicada e que foi recuperada no CAAN, acaba de atopar un novo fogar, sendo adoptada por unha familia de Vigo.

Muti entrara no centro o 15 de novembro tras ser rescatada na parroquia de Godos do municipio caldense. Tiña unha fractura aberta nivel do cóbado esquerdo, con infección e miasis (debido a que levaba tempo coa lesión), ademais de varias feridas repartidas por todo o corpo. Estaba chea de parasitos e moi delgada. Os veterinarios do CAAN tiveron que amputarlle a extremidade debido á gravidade da fractura e despois puxeron a Muti a tratamento, a desparasitaron e vacinaron.

Unha vez recuperada foi esterilizada e identificada con microchip, e esta mesma semana foi adoptada por unha familia de Vigo onde xa ten o seu novo fogar. Con Muti son xa once os cans e cadelas do centro de acollida da Deputación que foron adoptadas no que vai deste primeiro mes do 2021.

Desde a Deputación lembran que as adopcións no CAAN  son gratuítas e o persoal sempre asesora ás persoas interesadas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Tanto para visitar o centro como para formalizar as adopcións hai que solicitar cita previa no teléfono 986 140 360. Os animais saen do centro vacinados, con chip, desparasitados e esterilizados.