«Cantas máis perruquerías pechen, máis economía somerxida vai haber»

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

MEIS

MONICA IRAGO

Entrevista con Marta Martínez, vicepresidenta da Asociación Provincial de Peluquería y Belleza, na antesala dunha protesta para reclamar a baixada do IVE

02 ene 2021 . Actualizado a las 20:13 h.

O xoves, Marta debería ter traballado ata última hora. Debería ter chegado polos pelos para sentarse á mesa, gozar da cea e, ás doce da noite, tomar as uvas. Pero neste fin de ano confinado que acabamos de pasar, a preocupación polo peiteado foi moito menor do que é habitual. «Pechei ás seis da tarde, e teño compañeiras que pecharon xa á unha», conta a que é a vicepresidenta da Asociación Provincial de Peluquería y Belleza de Pontevedra.

-No meu caso, aínda esperaba que a cousa fora peor. Pero os anos de estar ata última hora... Iso pasou á historia. Esperemos que pouco a pouco vaiamos volvendo a unha certa normalidade.

-A pandemia está a resultar unha proba moi dura para o seu sector, non?

-Está sendo moi difícil. Cando foi o peche, moitos pedimos o cese de actividade; non se podía atender a ninguén. Pero xa daquela houbo quen si o fixo. Despois, en maio, houbo xa moitas compañeiras que non puideron volver abrir os seus negocios. E en moitos casos, levadas polas circunstancias, empezan a traballar por detrás... Nesta zona xa sempre houbo un montón de perruquerías ilegais, e a cousa non para de medrar. Se a xente non gaña ben, recorre a quen lle fai o traballo máis barato, sen pensar nas consecuencias. Porque moita desa xente que traballa ilegalmente non o fai por necesidade, senón como extra. E contra esa situación parece que nós non podemos facer nada.

-Pero si contra o IVE marcado no 21 % para o seu sector. Teñen en marcha unha convocatoria de protesta.

-Efectivamente. No ano 2012 , a nós subíronnos o IVE dun 8 % a un 21 %. Dixeron que ía ser algo puntual, pero non, nunca máis o baixaron. O que nós reclamamos é un IVE dun 10 %. O vindeiro día 20, diante de Facenda, en Pontevedra, imos facer unha manifestación á que esperamos que acuda moita xente. Será unha concentración de dez a once da mañá. Por desgraza, non creo que ningún perruqueiro, barbeiro nin estudo de unllas vaia perder moito traballo... Nós pensamos que cun IVE dun 10 % poderiamos vivir todos un pouco mellor, non habería tanto negocio por detrás... Porque hai algo claro: cantas máis perruquerías pechen, máis economía somerxida vai haber.

-Máis aló do IVE, que factura lles está pasando as perruquerías o covid-19?

-Unha factura tremenda. A xente sigue tendo medo. Eu, por exemplo, no meu negocio sigo traballando cos clientes dun en un. Os costes subiron, claro, porque agora hai que utilizar moitos elementos de usar e tirar, co que gastamos máis ainda que non o repercutamos, e tamén xeramos máis residuos. E en xeral, a xente vén menos. O tema dos peches perimetrais xa é o que nos faltaba. Eu (Marta ten a súa perruquería en Meis) teño moita clientela doutras localidades que xa non pode vir, por moito que queiran. A verdade é que esta está a ser unha etapa que penso que imos tardar moito en esquecer.