Veciños de Meis volven mobilizarse ante a falta de médicos

b. c. MEIS / LA VOZ

MEIS

MONICA IRAGO

O BNG pon o caso deste concello como exemplo do deterioro da sanidade pública no rural galego

27 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«A pandemia non pode ser a escusa para que non se preste unha atención de calidade e se atendan outro tipo de patoloxías», indicaba a parlamentaria do Bloque Nacionalista Galego, Montse Prado, ao fío da mobilización celebrada onte á tardiña en Meis.

Por segunda semana consecutiva, o BNG convocou un acto de protesta neste municipio para deixar patente o seu malestar ante os recortes que están a aplicarse na asistencia sanitaria pública, que en Meis son evidentes. As 1.100 persoas que estaban adscritas ao consultorio de Paradela pasaron a ser atendidas só telefonicamente, e cando precisan ser atendidas de forma presencial teñen que desprazarse a Cambados. Ademais, a enfermeira que había neste centro trasladárona ao centro de saúde da Rochela (Mosteiro) e o facultativo de San Martiño non foi substituído nas vacacións e a día de hoxe descoñécese que vai pasar en outubro, segundo informa o BNG. O resultado é que o médico de Mosteiro ten que atender a 2.800 cartillas e que os nenos de Meis teñen que ir ao pediatra a Baltar (Sanxenxo) ou Cambados.

Para o grupo nacionalista, o que está a pasar en Meis é un claro exemplo da política de desmantelamento da sanidade pública no rural en favor da sanidade privada e pídenlle á cidadanía que se mobilice para evitar este tipo de situacións. «E non se pode estar dicindo que o problema é porque non hai médicos ou pediatras, ese é un argumento moi manido», apunta Montse Prado, quen acusa aos gobernos do PP en Santiago e Madrid de falta de previsión nas súas políticas sanitarias.

O Bloque fala dunha situación caótica en moitos consultorios e centros de saúde de Galicia e onte volveu reclamar solucións, pancarta en man, cunha mobilización cidadá ante o centro médico de San Martiño.