Meis estrea a vindeira semana o seu primeiro centro de compostaxe comunitario

La Voz MEIS

MEIS

cedida

A Deputación realizará unha campaña de buzoneo e outra porta a porta para informar aos veciños

13 may 2020 . Actualizado a las 14:31 h.

O Concello de Meis estreará a semana próxima o seu primeiro centro de compostaxe comunitaria ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación. Onte rematouse a instalación na Praza de España dun composteiro de seis módulos e o persoal técnico iniciará nestes días unha campaña de buzoneo para informar á poboación do seu funcionamento. Segundo explica a técnica responsable da área, Estefanía Alfonsín, as persoas interesadas en compostar o seu lixo orgánico (restos de comida e vexetais) e que vivan na contorna do composteiro poderán participar na iniciativa de xeito inminente, tendo en conta sempre nestes momentos de confinamento todas as indicacións xerais de hixiene nestes momentos do covid-19 (distanciamento, utilización de mascarillas, hixiene de mans…). En calquera caso, a técnica prevé un funcionamento que incorporará participantes de xeito paulatino.

Ademais do buzoneo con folletos informativos que se realizará estes días, está previsto tamén facer unha campaña porta a porta, xa que polo de agora prefírese evitar a formación de grupos de veciños e veciñas por xunto debido á crise sanitaria.

Hai que lembrar que a compostaxe nos centros comunitarios do Revitaliza ten «garantía de xestión segura», xa que no proceso de compostar elimínanse todos os patóxenos existentes nos biorresiduos que se achegan grazas ás importantes temperaturas que se alcanzan, segundo informa a Deputación. «De feito, considérase que este modelo de tratamento e xestión de lixo é incluso máis seguro que o ordinario dos colectores, onde o lixo permanece a temperatura ambiente».

O centro de compostaxe comunitaria de Meis será atendido polo persoal técnico do Plan Revitaliza da Deputación para garantir un correcto funcionamento e obter compost de boa calidade. Este encargarase de supervisar que a veciñanza realiza as achegas de lixo de maneira correcta, que se tapa este coa axeitada cantidade de estruturante, de realizar as aireacións, medidas de temperatura e trasvases entre os módulos de maduración, así como de controlar moitos outros parámetros do proceso de compostaxe, e vixiar que non se introducen na composteira elementos que poderían baixar a calidade do futuro fertilizante.

No centro de compostaxe a veciñaza poderá depositar todos os seus restos de comida (cociñada ou crúa: carne, peixe, ovos, arroz, pasta, froita, pasta, pan…), así como vexetais (céspede recén curtado, plantas de todo tipo…). Unha vez depositado o lixo orgánico no caixón marcado e habilitado polos mestres e mestras composteiras é necesario tapar con estruturante, restos leñosos secos que estarán a disposición nunha saca ou nun caixón anexo. Por último é preciso deixar ben pechada a tapa e, no caso de ter utilizado unha bolsa plástica para trasladar os residuos, tirala no colector amarelo logo de baleirala dentro do CCC. Nunca se pode deixar o lixo orgánico en bolsa dentro do composteiro, apuntan desde a Deputación.