«Os concellos temos que dar respostas a necesidades que ata agora nin existían»

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

MEIS

MARTINA MISER

A rexedora ten claro que agora hai que «facilitarlle a vida á xente»; o resto «xa se fará», di, cando todo isto pase

05 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Perdín a conta, a verdade. Penso que prefiro non contar os días que levamos así». Marta Giráldez, a alcaldesa socialista de Meis, leva dende o inicio da crise do coronavirus confinada no Concello durante boa parte do día, atenta aos mil frontes que se abren nesta situación excepcional.

-Como se vive esta situación dende a alcaldía?

-Intentamos vivila con temperanza, con intelixencia. É estresante, porque cada rumor sobre cada contaxio en Meis fai que te preocupes... Pero ao final, o que temos é que traballar para, dende un concello modesto, trasladarlle á xente certa seguridade, facilitarlle as cousas nestes tempos.

-E cun cadro de persoal limitado...

-Nós adoptamos dende o primeiro día as recomendacións nese sentido, e é certo que temos o persoal limitado. Pero os traballadores están pendentes de todo todo o tempo, mesmo os que están na casa. E cando fan falla, están encantados de axudar.

-Estamos nun momento no que os concellos teñen que botarlle máis imaxinación ca nunca; están nacendo servizos inéditos, non?

-Estamos nunha situación tan excepcional que nos temos que ir adaptando día tras día, para dar respostas a necesidades que ata agora non existían. Por exemplo, o servizo de entrega de apuntes e exercicios nas casas... Ocorréusenos un día pola tarde e ao seguinte xa estaba en marcha. E con moita demanda, o que demostra que había xente que o estaba a pasar realmente mal por este asunto. Ou o de chamar á xente maior para ver como están, se precisan algo, se temos que levarlles algo ou acompañalos ao médico ou a calquera sitio... Moitas veces chamas e din que non precisan nada, pero para min é importante falar con eles un rato, que sintan que non están sós. Parécenme terribles, moi crueis, algúns discursos que se están a facer sobre a xente maior estes días, e algúns deles están sacando a conclusión de que se enferman, os imos deixar morrer. Non quero que ningunha persoa maior de Meis sinta algo así. E niso está facendo un traballo tremendo a xente de Protección Civil.

-Cal está sendo o papel dos voluntarios nesta crise?

-Eu nunca lle agradecerei o suficiente aos voluntarios de Protección Civil o traballo que están facendo. É xente que ten o seu traballo, a súa familia, e que sen dubidalo saen botar unha man, ben sexa na limpeza das rúas, ben sexa levando a unha persoa ao Sintrom. Ademais deles, o certo é que moita xente está chamando ao Concello para ofrecerse para botar unha man. Os venres, por exemplo, facemos as limpezas a fondodas rúas, unha especie de quedada de tractores para desinfectar todo en profundidade, e moita xente que ten as máquinas estase a ofrecer. Queren sentirse útiles, e dende logo nós imos intentar que todos poidan colaborar, ir rotando para que todo o que queira, colabore.

-Teñen un servizo de reparto de máscaras entre os veciños. Como funciona?

-Temos un servizo polo que repartimos máscaras nos establecementos que teñen que estar abertos ao público, e tamén facemos reparto ás casas para a xente que as pide. A verdade é que a xente está tendo un comportamento exemplar e todo o mundo mídese moito á hora de pedir. Creo que todos somos conscientes da falla que fai o material. Nós, de momento, estamos tendo material suficiente, estamos subministrando á empresa de axuda no fogar, e mesmo temos enviado algún lote a Montecelo. Nós temos todo contado, pero intentaremos xestionalo para que ninguén se vexa desatendido.

-Como está sendo a relación entre os concellos neste tempo?

-Manteño contacto directo con todos os alcaldes do Salnés que queren mantelo. Con Telmo Martín, por exemplo, coordinamos todo o tema da fabricación de máscaras. Logo, a través de grupos de Whatsapp, e xa máis ben con xente do meu partido, compartimos experiencias, ideas, posibles melloras... Algunhas valen para todos e outras non, porque cada concello ten as súas particularidades. En calquera caso, o que esta claro é que nestes momentos, os proxectos, as obras, son secundarios. Temos que concentrarnos nisto. O resto xa se fará.