Investimento de 223.000 euros para evitar as inundacións na praza de España en Mosteiro

La Voz MEIS / LA VOZ

MEIS

cedida

A estrada provincial será obxecto de obras no firme, iluminación e sinalización

08 feb 2020 . Actualizado a las 10:02 h.

A Deputación de Pontevedra e Concello de Meis veñen de pechar a solución para mellorar o acceso á praza de España do Mosteiro pola EP 9204 e arranxar así o histórico problema das continuas inundacións na zona. O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, mantivo onte unha reunión coa alcaldesa de Meis Marta Giráldez, para presentarlle o proxecto xa redactado e orzamentado, por importe de 223.000 euros.

A actuación era unha demanda de décadas da veciñanza de Meis e foi un compromiso adquirido pola presidenta provincial, Carmela Silva, durante a visita efectuada fai uns meses á zona. O deputado responsable das estradas provinciais presentou á alcaldesa as obras previstas para solucionar a problemática e lle adiantou que «imos comezar canto antes, unha vez asinado o convenio e licitado o proxecto».

As obras

Gregorio Agís afondou nas liñas de actuación na zona de acceso á praza de España pola EP 9204, que inclúen despexes, movementos de terras, mellora de firmes e pavimentos, sinalización horizontal e vertical, mellora da seguranza viaria, xestión de residuos e nova iluminación. Ademais, mellorarase a seguranza viaria e as beirarrúas da estrada provincial, dando continuidade ao proxecto iniciado xa co Plan de Reequilibrio, que permitiu recuperar o espazo público na praza de España e no que a Deputación investiu preto de 300.000 euros.

Pola súa banda a alcaldesa amosou a súa satisfacción polo proxecto e adiantou que xa a vindeira semana terá os documentos de cesións asinados pola veciñanza. «Para nós esta era unha actuación prioritaria. É unha necesidade solucionar unha problemática que

afecta á vila continuamente». A alcaldesa tamén sinalou a boa predisposición das veciñas e veciños da zona en relación ao proxecto, segundo informa a Deputación.

En liñas xerais, a actuación que se vai desenvolver na EP 9204 de acceso á praza de España do Mosteiro en Meis conta cun prezo base de licitación de 223.000 euros, que se financiará a través dun convenio polo que a Deputación provincial asume o 70 % dos custes e o Concello de Meis farao nun 30 %.