O Centro de animais da Deputación acada un récord, con 457 adopcións este ano

La Voz MEIS / LA VOZ

MEIS

MARTINA MISER

Entre outros moitos, atopou casa «Bertín» o can que levaba máis anos na canceira de Meis

07 dic 2019 . Actualizado a las 20:55 h.

Para o Centro de Acollida e Protección de Animais da Deputación de Pontevedra (CAAN) o 2019 xa é un ano de récord. O centro vén de romper o seu mellor rexistro de adopcións de cans nun mesmo ano, que estaba nas 430 acadadas en 2016, porque no que vai deste 2019 xa se conseguiron 457, unha cifra que se prevé que aumente neste mes de decembro. Así as cousas, xa son preto de dúas mil as adopcións desde o 2015. «É un dato moi positivo, que nos anima a seguir traballando para darlles un fogar en condicións a estes animais», segundo indicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva. «O CAAN segue mantendo a premisa coa que naceu hai seis anos: fomentar o dereito á vida dos animais, erradicar o abandono e promover as adopcións», subliñan desde o organismo provincial.

Desde que se puxo en marcha a nova campaña de sensibilización «Esteriliza, adopta» houbo unha media de 2,6 adopcións por día. A meirande parte partiron de particulares que levaron aos cans e cadelas aos seus novos fogares en Forcarei, Lalín, Cambados, Vigo, O Grove, Teo, Meis, Cerdedo-Cotobade, Tomiño, Ponte Caldelas, A Estrada e ata Xermade (Lugo). É o caso de Bertín, que levaba os seus seis anos de vida no centro, onde entrou sendo un cachorro. Agora relévao como avó da canceira Apro, un can que entrou no centro en 2014 sendo unha cría. Entre as adopcións destes últimos días destaca tamén o caso de Liliana, unha cadela que fora abandonada hai un mes en Ribadumia, á que o persoal do CAAN tivera que recoller cunha gaiola trampa debido á súa desconfianza coa xente. Hoxe é un animal tranquilo e confiado.

Tamén hai que salientar o caso de Almofredo, que foi adoptado o 3 de decembro por unha moza comprometida co benestar animal e que ofrece de xeito habitual o seu fogar como casa de acollida para protectoras da Coruña. O animal será para o seu pai, xa que espera que lle poida axudar a superar a morte do seu anterior can, co que levaba vivindo vinte anos.

 

Outro caso a subliñar é o dos irmás Zasca e Zascón, que foran abandonados en Meis en setembro e tiñan sarna. Recuperáronse e foron adoptados xuntos por unha familia residente en Vigo.Unha muller de nacionalidade inglesa levouse para o Reino Unido a Pirri, Bar e Inco, e Mingo, que entrou en novembro no centro, puido volver ao seu concello de orixe, Tomiño, onde levaba abandonado tempo e era coidado polos habitantes dunha aldea. Un dos veciños botábao de menos e adoptouno para levalo, de novo, a casa.

O Centro de Acollida e Protección de Animais situado na Armenteira, dá servizo actualmente á 48 concellos da provincia, cunha poboación estimada de 400.000 habitantes.

Nestes momentos, son 400 os cans e cadelas que se atopan nas instalacións á espera de ser adoptados. Ademais de poder ver alí a todos os animais, pódense facer tamén todos os trámites relativos ás adopcións, que son gratuítos. Os animais son entregados vacinados, desparasitados e esterilizados.