O Sergas anuncia a recuperación do servizo de pediatría nos centros de saúde de Meis e de Meaño

La Voz MEIS, MEAÑO / LA VOZ

MEIS

MONICA IRAGO

A Área Sanitaria de Pontevedra e do Salnés incorporará o 4 de decembro un especialista que atenderá  media xornada en cada concello

26 nov 2019 . Actualizado a las 22:02 h.

A Área Sanitaria de Pontevedra e do Salnés anunciou esta mañá que os veciños de Meis e de Meaño volverán contar desde o 4 de decembro con servizo de pediatría. O mércores da vindeira semana incorporaráse aos centros de saúde de Mosteiro e de Dena un médico especialista que pasará consulta media xornada en cada un deles, de luns a venres.

Desde o Servizo Galego de Saúde sinálase que a medida permitirá recuperar a cobertura pediátrica da que dispoñían os cidadáns das dúas localidades ata que o pasado mes de outubro a facultativa que ocupaba o posto deixou vacante a praza, ao conseguir outra noutro destino no concurso aberto permanente do Sergas.

No ente responsable da política sanitaria da Xunta de Galicia fan fincapé en que a de pediatría é unha especialidade con paro cero, non só en Galicia, senón tamén noutras comunidades autónomas. Un dato no que se ampara para explicar a tardanza en recuperar o pediatra compartido nos centros de saúde de Meis e de Meaño.