Os versos galegos que namoran o padal

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

MEIS

MONICA IRAGO

O arousán Rubén Outeda e a súa muller Beatriz Valladares converteron en só dous anos e medio unha singular liña de sobremesas envasadas para a hostalaría, Versos da Ruda, nun negocio cun crecemento do 300 % anual

19 sep 2019 . Actualizado a las 14:10 h.

«Empezamos coma Apple, nun baixo dun edificio, cunha Thermomix, cun fogón paelleiro e cunha tarteira». E hoxe, conta Rubén Outeda Fernández, promotor e propietario de Versos da Ruda, o seu singular negocio culinario medra «a un 300 % en todo: en facturación, en clientela... respecto ao ano pasado». Ata o punto de prever pechar o 2019 cunhas vendas de 750.000 euros, polos 200.000 do ano anterior, o primeiro completo desde que en maio do 2017 a súa muller, Beatriz Valladares, e mais el decidiron que a fase de ensaio e erro no furancho dos pais de Rubén acabara cun produto listo para posicionarse no comedor de calquera restaurante e casa de comidas. Que o mercado lles está a dar a razón reflícteo as cifras apuntadas, e o traslado da produción desde aquel baixo do que falaba o emprendedor en Mosteiro, Meis, a un local de 450 metros cadrados no polígono sanxenxeiro de Nantes que ocupara unha confeitaría. Porque a intención de Outeda é que, máis cedo ca tarde, toda España escoite, e coma, os Versos da Ruda.

«Postres gallegos de la casa». Así se publicitan. Envasados en dous formatos de tarros, os doces só son unha parte, a principal, certo é, do produto ofertado pola firma arousá. Traballando no furancho da súa familia en Castrelo, Cambados, Rubén observou que as sobremesas eran un atranco na cociña, polo extra de persoal e de tempo, pero tamén de espazo que requiría. Tirando do receitario tradicional e familiar de súa avoa e de súa nai, comezaron a incluír na carta diferentes propostas condicionadas pola súa presentación, o envasado en vidro. Un formato que, sinala Rubén Outeda, incide na textura do prato, «moi cremoso, logramos que ningunha parte se reseque», e ao tempo é moi funcional, «só hai que abrir a neveira, sacalo e servilo». Os dous factores combinados permiten redondear un produto único: «Nós non só facemos o produto e distribuímolo. Nós vendemos un servizo. Non vendemos sobremesas, vendemos solucións ao noso cliente, a hostalaría». Como? Esta é a singular cadea de valor xerada por Versos da Ruda.

Confirmado o éxito da prédica entre os habituais do furancho familiar, e previa contratación dos servizos dun asesor en materia de estudos de mercado, Rubén Outeda e Beatriz Valladares ficharon a un veterano mestre pasteleiro que enriqueceu as receitas das matriarcas do clan cos seus coñecementos. Ampliou a gama de sobremesas, pero sobre todo «equilibrou as nosas receitas», adaptándoas de maneira que «non compramos ningunha base para o seu cociñado, facémolo todo nós», aclara Outeda. Deste xeito, conseguiron que Versos da Ruda sexa, afirma, «a única empresa que fabrica e distribúe repostería fresca en España». Cun produto, engade, «fresco e artesán, que aposta polas materias primas galegas, porque aquí temos moita calidade. Todo o leite, a tona, o queixo ou o licor café son galegos». Con 30 referencias, divididas a partes iguais segundo a estación, incluíndo propostas con turrón ou castaña en inverno, ou gin tonic no verán; porque a innovación é parte consubstancial deste produto único ideado en Arousa. E con dúas presentacións, en tarros de 150 gramos, para as cartas, e de 90-100 para menús, caterings, eventos ou catas, explica o seu promotor.

Pero esta só é a metade da fórmula de Versos da Ruda: «Nós colocamos unha neveira-vitrina nos comedores dos nosos clientes. Os nosos repartidores -nós chamámoslles solucionadores- acoden aos locais todas as semanas para recolocar os tarros, limpar a vitrina cunha vaporeta... O noso produto tense que vender só, na súa vitrina no comedor», di Rubén Outeda. E, polo que se ve, vaia se o fai. En agosto, o mes central da tempada de verán, vendéronse 100.000 unidades de Versos da Ruda entre os 300 restaurantes de toda Galicia aos que chegan hoxe. E, tras pasar de catro a doce empregados, o vindeiro mes incorporará ao seu cadro de persoal un responsable de calidade e un de loxística. Todo coa mira posta na apertura a finais deste ano dunha delegación en Madrid, onde a firma arousá xa serve as súas sobremesas a máis dun local, ao igual ca en Barcelona.

 

a raíz

De militar a poeta gastronómico. «Díxenlle a miña irmá que fixera un flan de queixo nun tarro de cristal no furancho. Puxémolo nunha neveira e a xente, ao velo, pedía máis». Ese foi o punto de saída de Versos da Ruda, lembra Outeda. Un militar que acabou deixando a praza de funcionario para apostar por un produto e unha marca: «Na vida hai dous praceres. Un é xantar, o outro ler. Os grandes mestres culinarios, cando comen algo bo, din que é un verso». E os da súa firma saíron da Ruda, o furancho familiar. De aí Versos da Ruda. Unha firma que fai bandeira de Galicia, usando, conta Outeda, o galego á par do castelán nas cartas aos clientes, tamén aos de fóra do país.