Marta Giráldez: «Queremos montar en agosto un mercado medieval na Armenteira»

Bea Costa
bea costa MEIS / LA VOZ

MEIS

MARTINA MISER

A rexedora aposta por imprimir un aire novo ás festas locais, sen esquecer a esencia do municipio, matiza

14 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

É a súa primeira Festa dos Callos como alcaldesa e pouco tempo tivo para organizar as cousas ao seu xeito. Atopouse con actividades sen pechar e as arcas municipais más baleiras do que pensaba, pero a festa afronta o seu día grande coas olas fervendo e a loxística a punto.

-Cal vai ser a política en materia de festexos? Vai manter o actual modelo?

-Por suposto imos manter a Festa dos Callos, pero nós si teriamos feito o programa doutra maneira. Aínda que tivemos pouco tempo, incorporamos a última hora a presentación dun libro dun veciño de Meis (La apatía de los idiotas) e o Torneo de fútbol interparroquial, no que participaron as sete parroquias e un equipo convidado de Curro. Esta vez foi só masculino, pero para o ano pretendemos facelo mixto, con equipos femininos, porque estas cousas teñen que cambiar. Iremos innovando, pero sen perder a esencia da festa, a que puxeron os gandeiros que viñan á feira de Meis.

-Este ano houbo unha forte aposta polas verbenas, seguirán por esta liña?

-Si, á xente de Meis gústalle as verbenas e imos tamén intentar recuperar os festivais que se facían hai anos con música alternativa para atraer a outro tipo de público, á xuventude.

-Logo dos Callos chega a Feira Labrega, o día 21...

-Si, este ano faise despois da Festa dos Callos e tamén imos intentar darlle un aire novo, se non dá tempo para este ano, para o que vén.

-As festas gastronómicas están cada vez máis ligadas ao turismo. Comparte o seu goberno esta visión?

-Por suposto, a festa é un revulsivo importante para o turismo, pero, ademais, a nosa idea é traballar por un turismo sostible que venda a esencia de Meis: a súa gastronomía, as súas rutas de sendeirismo, a súa paisaxe... temos que conseguir que a xente veña para quedarse, non só para vir facer a Ruta da Pedra da Auga.

-Algún proxecto en concreto neste campo?

-Xa tivemos as primeiras reunións cos representantes da concentración parcelaria para a construción dun cámping de verán na Armenteira. Hai moita xente que non pode aloxarse na pousada e lle gustaría poder quedar coa súa tenda e a súa autocaravana na Armenteira. Nós estamos por potenciar o turismo de natureza. Outro tema que está pendente na Armenteira é poñer en funcionamento a oficina de turismo, que abre só algúns días e, por suposto, manter o festival de jazz da segunda semana de agosto, para o que xa comprometemos a nosa axuda. Para a terceira semana de agosto queremos montar un mercado medieval na Armenteira, xa hai unha empresa interesada no tema, a ver se dá tempo. Tampouco se pode esquecer a Semana Santa de Paradela, que imos seguir potenciando dándolle outra visión para que siga medrando desde o punto de vista turístico. Meis ten aínda moito que vender e non está explotada suficientemente. Para elo esperamos recibir axuda da Deputación, que se en catro anos non a houbo foi porque non se pediu.

-Ten algunha proposta para a Mancomunidade do Salnés?

-Sorprendeume que nestes catro anos non houbera ningunha actuación turística da mancomunidade dirixida a Meis mais alá de, este ano, presentar a semana Santa de Paradela en Fitur. A política neste eido foi moi pobre e imos pedir que se venda, tamén, o turismo de interior.