Eduardo Fajardo, galego de Meis

O Concello de Meis súmase ás mostras de loito polo seu pasamento en México aos 94 anos


Os amigos lucenses do galego Eduardo Fajardo ?membros do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá- estamos de loito ao recibir a mala nova do seu pasamento en México aos 94 anos.

Fixémolo lucense converso hai dez anos cando lle rendemos homenaxe na Semana de Cine de Lugo, como actor galego, cumprindo un dos seus soños máis sentidos.

Soubemos del como galego cando homenaxeamos a Frank Braña, o actor que “morreu” máis veces no cine español, nado na fronteira entre Galicia e Asturias, aínda que el sabíase fonsagradino. Cando Frank lle contou ao seu amigo Eduardo Fajardo que na súa terra lle ían render unha homenaxe, queixóuselle Fajardo de que na Galicia do seu nacemento, non sabían del, o que a aquela altura vital -superados os oitenta anos- o entristecía.

Foi daquela cando Manuel Curiel, Director vitalicio da Semana de Cine de Lugo (leva organizadas 41 edicións) contactou con Fajardo, pasou un tempo con el no seu pobo e domicilio almeriense, e de paso que foi establecendo unha amizade forte foi construíndo o libro “EDUARDO FAJARDO; o vilán do cine español”, que publicamos na Semana que facía o número XXXI, no 2009.

Con ese motivo, Eduardo Fajardo veu a Lugo, convertiuse en lucense, fíxose amigo de todos os que organizamos a Semana de Cine, e as nosas mulleres quedaron conquistadas polo conquistador Fajardo, daquela xa un avó garimoso que conservaba todo o encanto dos seus mellores anos, avalado por un trato exquisio, un entusiasmo xuvenil e un agradecemento sen límites.

Os de Fonmiñá puxémonos en contacto co concello pontevedrés de Meis, no Salnés, que viñeron a a Lugo a coñecer ao seu paisano, do que nada sabían do seu orixe galego, e nós fomos os que pedimos a Meis que o nomeara Fillo Predilecto, e cando o concello acordou esta distinción, nós, como a súa familia lucense e galega estivemos en Meis celebrando a súa felicidade e o magnífico recoñecemento do seu concello natal.

Daquela, Fajardo, retirado do traballo intenso do cine, dirixía o grupo de teatro dun centro para persoas con problemas de minusvalía, daba recitais benéficos, e gozaba de admiración e agarimo sen limites na terra andaluza que o foi todo para o cine español.

Desde aquela, seguimos recibindo amizade, cartas e chamadas de Fajardo, que moi axiña se foi a México onde estaban ?vivos ou xa mortos- todos os membros da súa familia directa. E hoxe recibimos a nova do seu pasamento.

Sentimos o pesar da perda dun amigo, dun grande do cine. Pero quédanos a satisfacción inmensa de que o fixemos lucense,  que en Lugo pasou días felices, e esa felicidade foi completa, total, cando Meis o fixo Fillo Predilecto.

Desde Lugo decísmoslle ata sempre ao amigo galego que se nos foi facer arte ?teatro, cine, recitado, vida…-  a esa especial dimensión onde coidamos que todo é posible.

O Concello de Meis, do que Fajardo era fillo predilecto, súmase ás condolencias.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Eduardo Fajardo, galego de Meis