O primeiro que faría Marta Giráldez se fose elixida alcaldesa sería reunirse cos colectivos
14 may 2019 . Actualizado a las 05:05 h.O primeiro que faría Marta Giráldez se fose elixida alcaldesa sería reunirse cos colectivos.
-Por que teñen que votala os meisinos?
-Porque a veciñanza de Meis hai anos que quere un cambio. Porque está cansa da falta de transparencia e pouca eficiencia de quen goberna, e porque está cansa de escoitar cada catro anos a mesma cantilena. Da mesma forma están convencidos e seguros que ese cambio pasa polos socialistas de Meis. E, no que a min respecta, porque teño demostrado traballo e dedicación ao meu concello, e seriedade.
-Cales son as súas principais propostas?
-O noso programa é moi amplo. É un programa realista, pensado para as persoas. Pero se me fai priorizar tres propostas elixiría estas: centro de saúde acorde co século XXI e centro de día, melloras nas escolas unitarias e centros educativos do concello e ampliación da gardería municipal, e unha proposta de bolsas de microcréditos municipais a custo cero para emprendedores. Convenios con empresas que se instalen en Meis para a contratación de veciños/as do concello e a creación dunha cooperativa hortofrutícola e forestal.
-Cal é o principal problema que ten Meis?
-Meis ten moitos problemas, pero preocúpame a despoboación. Durante anos a única política que se fixo para evitar este problema foi empadroar persoas de forma ilegal na casa do alcalde ou de concelleiros. Quedou demostrado que esta non é a solución. O noso programa electoral está pensado, en todas e cada unha das súas propostas, para recuperar poboación en Meis.