«O principal problema de Meis é ter un goberno totalmente inoperante»

a. g. MEIS / LA VOZ

MEIS

MONICA IRAGO

Xoán Vázquez promete sacar as facturas dos «proxectos pantasma» do alcalde.

14 may 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

Xoán Vázquez promete sacar as facturas dos «proxectos pantasma» do alcalde.

-Por que teñen que votalo os meisinos?

-Porque Meis necesita un cambio urxente, non podemos seguir nesta parálise. O concello está tres anos e medio paralizado e o mes das eleccións vén a loucura. Este ano sobrepasou todos os límites. O PP tivo reunións cos veciños prometendo ter xa rematada a parcelaria, cando os papeis da Xunta din que hai anos que non se move un dedo, e tamén presentaron proxectos dos que non aparecen nin as facturas. Os veciños que queiran ter solucións reais aos seus problemas teñen que votar BNG.

-Cales son as súas principais propostas?

-En primeiro lugar, lograr un Meis máis conectado, creando un plan de transporte público para comunicar todas as parroquias entre elas. En segundo lugar, facer un Meis máis unido, facendo rutas de sendeirismo que percorrerán todas as parroquias. E por último queremos un Meis máis social e cultural, descentralizando a biblioteca para que a difusión cultural estea ao alcance de toda a veciñanza, e atenderemos a todas as persoas maiores e sen recursos a través de diversos programas.

-Cal é o principal problema de Meis?

-O actual goberno. Meis ten desde hai anos un alcalde totalmente inoperante, que non fai nada máis que mentir á veciñanza. Referímonos a problemas como as redes de saneamento, a parcelaria, o polígono de Barro-Meis, o estado dos CRA... En resumo, unha falta total de servizos e de oportunidades de traballo que fan que a xente teña que empadroarse noutros concellos e que Meis siga desangrándose poboacionalmente.