O Salnés, polo calmado do tráfico con 88 novos lombos

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

MEIS

MARTINA MISER

23 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Deputación vai instalar 88 novos lombos nas estadas provinciais que percorren a comarca do Salnés dentro do novo Plan de Mobilidade e Velocidade Segura. A bisbarra é, de feito, a que máis solicitudes de dispositivos de calmado de tráfico ten formulado diante do organismo provincial dentro da segunda fase do plan, que xa está en fase de licitación. Segundo explican dende o departamento que dirixe o deputado Uxío Benítez, os novos redutores de velocidade e pasos de peóns elevados sitúanse en 23 vías elixidas polos concellos. Suporán unha inversión de 447.338 euros. O Concello de Vilanova é o que máis dispositivos ten solicitado, vinte en total, en distintas zonas do termo municipal. O segundo concello en número de peticións foi Ribadumia, con dezasete. Dende O Grove téñense solicitado quince dispositivos para San Vicente, Siradella, Meloxo e Virxe das Mareas. Meaño, que se incorpora ao plan, terá doce novos lombos; Meis disporá de once dispositivos; en Cambados contarán con dez novos, mentres que na Illa instalarase un novo paso de peóns sobreelevado entre a ponte e As Laxes.