O Asmubal Meaño encara un trámite ante un dos seus dous rivais da Liga inda sen puntuar

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

MEAÑO

Juan Manuel Costas recupera a Eli Méndez pero segue sen poder dispoñer de Cárol Ferreira

09 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Sétimo partido de Liga do Inelsa Solar Asmubal Meaño, descontado o que o levara a xogar na cancha do hoxe retirado Balonmano Santa Cruz de Tenerife, e, agás sorpresa colosal, inminente sétima vitoria consecutiva do conxunto que dirixe Juan Manuel Costas. Desde as oito da tarde, no Pavillón Coirón Dena, o cadro galego recibe a outro dos conxuntos canarios do Grupo A da División de Honor Plata Femenina, o C.B. Romade. Un rival chamado a pelexar ata o final da Liga co Club Deportivo Balonmano Fuentes Carrionas por eludir a única praza de descenso a Autonómica tras a saída do Balonmano Santa Cruz de Tenerife da circulación de motu propio logo de ter disputado tan só tres encontros.

Tanto é así, que o C.B. Romade chega a Meaño compartindo co C.D.B. Fuentes Carrionas a nada edificante condición de únicos equipos do Grupo A que seguen sen saber o que é puntuar tras mes e medio de competición. Así as cousas, o adestrador do Asmubal, Juan Manuel Costas, recoñece que, «por moito que o vendamos» o de hoxe é «un partido de transición. O rival non gañou un só partido». Dito o cal, conclúe coa lóxica mensaxe ás súas xogadoras: «Non hai que relaxarse» inda que o cadro do Salnés luza a condición de líder.

Costas, que recupera o seu compás no campo, a central vallisoletana Eli Méndez, baixa a semana anterior por sanción, segue sen dispoñer de Cárol Ferreira, en fase de recuperación inda da rotura fibrilar de 1,3 centímetros que sufriu no xemelgo da súa perna dereita. O técnico do Asmubal confía en que a brasileira poida axudar o equipo a vindeira semana, na complicada visita á Cañiza, prólogo ao paso do colíder da Liga, o Gijón, por Coirón.