Viéitez: «É o momento de traballar todos no mesmo sentido. Non quero vencedores nin vencidos»

La Voz MEAÑO / LA VOZ

MEAÑO

Cedida

O alcalde de Meaño pide unidade a todas as forzas da corporación tras conseguir a súa primeira maioría absoluta

30 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Viéitez confesábase onte o primeiro sorprendido non pola súa maioría absoluta, que daba por feita, senón porque «non pensaba acadar 8 concelleiros» dos 13 cos que conta a corporación municipal de Meaño. Quen fora o cabeza de cartel do PP nos comicios municipais do 2019 soubo capitalizar a súa andaina en solitario tras a súa expulsión da formación conservadora nada máis arrincar o anterior mandato pola súa decisión de facilitar unha presidencia socialista na Mancomunidade do Salnés. Daqueles 6 edís cos que gañara as anteriores eleccións co partido da gaivota pasou a 8, mentres co seu principal partido opositor, Meaño Independiente (MI), caía de 5 a 3 e o PSOE perdía os dous que tiña coa entrada do PP (1) e do BNG (1).

Tras escoitar a voz dos electores, Viéitez amosou onte publicamente o seu «agradecemento aos veciños polo seu apoio e ao equipo que me axudou a conseguir estes resultados» que, engade, lle proporcionan unha dose extra de ilusión para seguir traballando na transformación de Meaño e que «siga sendo referente e un concello de futuro».

Tras reiterar a súa aposta pola autogobernanza do pobo meañés «sen necesidade de inxerencias externas» ás que nunca puxo nome nin cara, o alcalde lanza unha mensaxe de «concordia, harmonía e unión de todos» para poñer punto final a catro anos de tensión. Nesta liña, Viéitez felicita o resto de forzas que se presentaron ás eleccións, ás que convida a «facer unha oposición responsable e afastada da confrontación. É o momento de deixarse de liortas partidistas e traballar todos no mesmo sentido [...] Non quero que haxa nin vencedores nin vencidos».