Carlos Viéitez, candidato de Veciños de Meaño: «A filosofía de furancho está medrando»

Serxio González Souto
serxio gonzález MEAÑO / LA VOZ

MEAÑO

Martina Miser

Meaño chega ás urnas con 4.377 potenciais votantes e unha reputación de concello tranquilo, que en realidade non o é tanto

24 may 2023 . Actualizado a las 20:13 h.

No 2019, Carlos Viéitez tomou posesión como alcalde de Meaño baixo as siglas do PP. A lea sobre a Mancomunidade do Salnés levou o seu partido a retirarlle a militancia. Agora, agarda que os veciños depositen de novo a súa confianza no seu equipo, desta volta nunha lista independente.

—Para que digan que en Meaño nunca pasa nada.

—Evidentemente que pasan cousas. Moitas. Neste mandato, por exemplo, co maior investimento da historia. Pero se te refires ao comezo, si foi moi convulso. Déronse unhas circunstancias das que quixeron pasar a factura a Meaño, pero na mancomunidade somos nove concellos. Primeiro son os veciños e logo as siglas políticas. Non estamos dispostos a que nos intenten gobernar dende fóra nin a permitir inxerencias en decisións que nos competen a nós. Primeiro son os veciños; logo, as siglas.

—Pero non chove moito fóra do paraugas do Partido Popular?

—Pode que o PP entenda a política de xeito partidista, e trate de beneficiar a concellos afíns. Pero a miña relación con todas as Administracións é cordial.

—Semella vostede orgulloso.

—Estouno. Do meu equipo. Dos eventos culturais, deportivos e musicais. Do terreo que mercamos para construír o auditorio. Das humanizacións. De ser o concello da comarca cos impostos máis baixos, que presta e mellora os seus servizos e os xestiona de forma directa... Neste mandato rexistramos unha transformación sen precedentes.

—O que si teñen é unha longa tradición de candidaturas independentes. Moi «independentistas» son en Meaño.

—A verdade é que si. Existe unha tradición longa. Repito, primeiro os veciños e logo as ideoloxías. Temos un valor moi importante, que son os nosos veciños. Volvemos a ese principio.

—Que me di de Sanxenxo?

—Meaño é o corazón do Salnés e temos boa relación con todos.

—E dos furanchos?

—Somos terra de gastronomía, e Covas experimentou unha gran transformación. É unha zona cun gran movemento de xente atraída por este factor. Un referente, pero ademais de furanchos temos todo tipo de hostalería.

—Así que aquilo de Covas, capital mundial do furancho...

—O que estamos detectando é que a filosofía de furancho está medrando e se está a trasladar a outras parroquias de Meaño. Pero son realmente establecementos hostaleiros que cumpren toda a normativa do sector.

—E vostede? Branco ou tinto?

—Depende do día, das circunstancias ou da comida, pero en principio son máis de branco.

—E para comer?

—O cocido, sen dúbida. Son un alcalde de peso.

—Comezamos coa mancomunidade, rematemos con ela. Que lle parece como institución?

—A mancomunidade é unha ferramenta moi útil, eficiente e eficaz. Temos que mantela.