O Asmubal Meaño cede o seu primeiro punto do curso en Dena

MEAÑO

Martina Miser

As de Costas víronse empatadas co tempo cumprido ante o Carrionas (34-34)

23 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Visto o visto, tras ir a remolque no marcador practicamente todo o choque, certo é, co seu rival sempre a tiro, o empate final a 34 do Inelsa Solar Asmubal Meaño fronte ao Fuentes Carrionas debería ter sabido a gloria na noite do pasado sábado. Pero dous elementos fixeron que non fora así. O primeiro, verse por diante no marcador a dous minutos raspados da conclusión. O segundo, encaixar o derradeiro gol do duelo co tempo xa cumprido, coa visitante Manon Eugeni superando a barreira e a porteira galegas para colar o coiro pola escadra e levar a euforia entre o primeiro dos cinco equipos que levan pasado este curso polo Pavillón de Coirón (Dena) quen de puntuar en Meaño.

Certo é que o adestrador local, Juan Costas, perdeu a última hora a Sofía Arangio, unha das xogadoras máis en forma do conxunto meañés, por unha mala caída no adestramento do venres. Pero non o é menos que o seu relevo no lateral esquerdo, a canteirana Laura Miniño, liderou o Asmubal en ataque con 10 tantos. Unha pobre defensa na primeira parte, na que as de Costas encaixaron 20 goles, impedíulles cimentar un novo triunfo.