Serén estrea hoxe no Festival de Xixón o filme epistolar «Al otro lado del mar»
MEAÑO

A longametraxe é unha colaboración co cineasta colombiano Samuel Moreno
17 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O realizador galego Eloy Domínguez Serén (Simes, Meaño, 1985) estrea hoxe a súa nova longametraxe documental, Al otro lado del mar, na sección oficial do Festival Internacional de Cine de Xixón. «Trátase dunha obra moi especial —explica o director pontevedrés—, xa que é unha correspondencia filmada que mantiven ao longo dos tres últimos anos co cineasta colombiano Samuel Moreno Álvarez, a quen coñecín en Bos Aires no 2019: vimos as nosas respectivas obras e a verdade é que conxeniamos moi ben». Dende aquel momento ambos os dous creadores intercambiaron un total de seis cartas filmadas —ás que lles dá peche un epílogo— que compoñen a estrutura desta peza, que ten unha duración total de 93 minutos, e que «reflicte dun xeito sincero unha amizade entre dous homes adultos, entre dous creadores».
A película foi elaborada sen ningún tipo de axudas públicas nin recursos económicos alleos, autoproducida polos propios autores, razón pola que, din, aínda están máis felices pola selección desta obra nun certame «tan prestixioso» como o asturiano. A cinta é así unha coprodución «feita entre Galicia e Colombia e, ao tratarse dunha correspondencia íntima entre os dous artistas, está narrada en español», anota Serén, que valorou inicialmente facela en galego pero deseguida desbotou esa posibilidade, que lle pareceu deshonesta xa que o idioma en que se comunicaban era o castelán.
Al otro lado del mar conta como dous «camaradas cineastas» manteñen ao longo de tres anos —«coa pandemia polo medio»— unha transoceánica correspondencia fílmica, na que se relatan as súas vivencias e acadan un sorprendente grao de intimidade, en canto que recollen circunstancias persoais, a xente que os rodea, os lugares nos que están, os momentos existencias que atravesan... Nestas cartas, amósanse abertos e familiares, confesionais e moi próximos, facéndose mutuamente partícipes da amizade —detalla Domínguez Serén—, e que inclúen entre os seus temas a morte do pai de Moreno —«unha peza fermosísima que me emocionou moito», di Serén— ou como este pasou o confinamento do covid cos seus pais na aldea, en Simes.

Tamén afloran aspectos do traballo; hai unha carta de cando Domínguez Serén residiu unha tempada no Ártico. E outra na que Moreno (Barranquilla, 1985) amosa a súa relación como pai co seu fillo pequeno, fala do seu labor como cineasta, dunha casa que están construíndo na montaña colombiana... «Sinto, tamén polos comentarios da xente coa que puidemos compartir o filme —apunta Serén—, que é unha película que destila unha empatía forte ao poñer en xogo historias moi próximas, nas que o espectador se verá concernido».
No caso do cineasta do Salnés dáse a peculiaridade de que non se repite localización xeográfica en ningunha das cinco cartas que remite, desde o Ártico a Simes pasado por Palmeira, en Barbanza, e Monterrei, en Ourense.
O máis potente da narración, anota Serén, é o marcado contraste entre ambas as dúas culturas, non só no paisaxístico, senón tamén desde o punto de vista idiomático, climático... Pero tamén hai moitas cousas que se repiten, e outras dialogan entre si. «Como é un intercambio epistolar, cada peza responde dalgunha maneira á anterior, e resulta moi bonito ver como unha carta miña sobre a familia é respondida por outra sobre o mesmo asunto, á súa sobre a construción da casa séguelle unha miña sobre a miña nova vivenda na parroquia de Medeiros no concello de Monterrei, material de arquivo atopado por min é replicado por material de arquivo atopado por el...», lembra Serén.
Ademais, o Festival de Xixón proxectará a película de Serén Rompente, preseleccionada para competir nos premios Goya na categoría de curtametraxes de ficción.