Os independentes denuncian o pago de 551 facturas «irregulares» en Meaño

La Voz MEAÑO

MEAÑO

MONICA IRAGO

Ante o pleno dos orzamentos do venres, o grupo da oposición advirte de que non descarta presentar unha reclamación xudicial

21 may 2022 . Actualizado a las 14:04 h.

A Agrupación de Electores Veciñal Meaño Independiente (MI) expresa a súa «preocupación e disconformidade sobre o inaxeitado da xestión económica que se está a levar en Meaño baseada en modificacións de crédito que pasan por encima dos orzamentos». Dinno ante a convocatoria do pleno no que se vai votar o documento, previsto para o vindeiro venres. Lamentan a proposta do alcalde dunha nova modificación de crédito de case 800.000 euros, «o que supón que non ten previsión económica algunha , ademais do baleirado de aforros do Concello dos últimos vinte anos en asuntos de obras que non son demandas dos veciños», indican os independentes.

«Outra mostra da súa mala xestión son as continuas contratacións a empresas externas cando hai persoal cualificado no Concello, e pagos de facturas que dende a secretaría do Concello se denominan irregulares». Segundo as cifras que ofrece MI, no 2021 pagáronse 551 facturas con reparos de secretaría que suman máis de 150.000 euros. «Vólvese a repetir ocorrido no 2020», indican, e a advirten de que esta deriva podería dar pé a unha reclamación xudicial «que este grupo non descarta xa que debemos protexer os intereses de todos os veciños».

A formación que lidera Aspérez pide prioridade para a obra da rúa Herminia Fariña, «que non pode estar condicionada nin incluida no mesmo lote que un proxecto coma o do mirador de As Covas no que se pretenden malgastar, baixo o noso criterio, 60.000 euros para levar a botella da praza da feira».