A cita é a partir das seis na praza do Concello e actuarán tres agrupacións
22 abr 2022 . Actualizado a las 14:08 h.
O Festival de Bandas de Música de Meaño volta á súa data habitual, en abril, coincidindo co mes da música. A pandemia obrigou a mover a data da edición do 2021 para agosto e impediu celebrar a edición do 2020, pero no 2022 recupérase a normalidade. A cita será o sábado día 23 ás 18 horas na praza do Concello. O festival, que vai pola súa trinta edición, abrirase co tradicional desfile das tres bandas participantes. A primeira en actuar será a Banda de Música Municipal de Silleda, dirixida polo mestre Rafael Agulló, continuará a Agrupación Musical do Rosal, que xa estivo no primeiro festival hai 30 anos, dirixida polo mestre Javier Alonso Pérez, e cerrará a anfitrioa, a Unión Musical de Meaño, dirixida polo mestre Diego J. Lorente López.
O repertorio inclúe temas de estilos e épocas variadas, desde Verdi a Freddie Mercury pasando polas danzas cubanas de Robert Sheldon ou a suit para banda de Alfred Reed.
En total, subirán ao escenario máis de douscentos músicos e cada agrupación tocará arredor de 45 minutos. O festival desenvolverase debaixo dunha gran carpa e a entrada será libre e gratuíta. Estará presentado por Rocío Rodríguez e Germán Tizón e ao rematar as actuacións celebrarase unha festa con música e baile.