O Festival de Bandas de Meaño recupera a súa data: o mes de abril

B. c. MEAÑO / LA VOZ

MEAÑO

CEDIDA

O día 23 actuarán agrupacións de Silleda, O Rosal e a anfitrioa. O certeme cumpre trinta anos de historia

13 abr 2022 . Actualizado a las 14:02 h.

O Festival de Bandas de Música de Meaño volta á súa data habitual, en abril, coincidindo co mes da música. A pandemia obrigou a mover a data da edición do 2021 para agosto e impediu celebrar a edición do 2020, pero no 2022 recupérase a normalidade. A cita será o sábado día 23 ás 18 horas na praza do Concello. O festival, que vai pola súa trinta edición, abrirase co tradicional desfile das tres bandas participantes. A primeira en actuar será a Banda de Música Municipal de Silleda, dirixida polo mestre Rafael Agulló, continuará a Agrupación Musical do Rosal, que xa estivo no primeiro festival hai 30 anos, dirixida polo mestre Javier Alonso Pérez, e cerrará a anfitrioa, a Unión Musical de Meaño, dirixida polo mestre Diego J. Lorente López.

O repertorio inclúe temas de estilos e épocas variadas, desde Verdi a Freddie Mercury pasando polas danzas cubanas de Robert Sheldon ou a suit para banda de Alfred Reed.

En total, subirán ao escenario máis de douscentos músicos e cada agrupación tocará arredor de 45 minutos. O festival desenvolverase debaixo dunha gran carpa e a entrada será libre e gratuíta. Estará presentado por Rocío Rodríguez e Germán Tizón e ao rematar as actuacións celebrarase unha festa con música e baile.

Como todos os anos, a organización convocou un concurso para o deseño do cartel anunciador do festival, coa colaboración da Quinta de San Amaro, do que xa hai gañadores. O primeiro premio recaeu en Tamara Filgueira, de Cerdedo (Cotobade), o segundo foi para Iván Pérez, de Poio, e o terceiro, para Marina Fernández de O Pino (A Coruña).

Onte celebrouse a entrega dos premios nun acto -na imaxe- que serviu,tamén, para presentar a edición deste ano. «Dende a Asociación Unión Musical de Meaño agradecemos ao Concello e á Deputación de Pontevedra pola súa colaboración un ano mais co festival, así como ás distintas casas comerciais e a sociedade meañesa e da súa contorna pola implicación que mostran cada ano con este importante evento para o concello», subliñan desde a organización.