O Concello de Meaño licita por cen mil euros a obra para poder usar o palco da música durante todo o ano

La Voz MEAÑO / LA VOZ

MEAÑO

MARTINA MISER

A actuación garantirá unhas mellores condicións de uso para os ensaios da Banda Unión Musical de Meaño

14 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Meaño vén de licitar as obras de mellora e acondicionamento do palco municipal situado no Campo da Feira, cun orzamento de 100.315 euros. A actuación garantirá unhas mellores condicións de uso para os ensaios da Banda Unión Musical de Meaño (BUMM) durante todo o ano, ao marxe das condicións climatolóxicas, nunha superficie de 210 metros cadrados que ata agora está cerrada nunha soa das súas caras.

Este investimento dotará ao palco da música de cerramento metálico corredizo nos outros tres laterais, de xeito que quede totalmente pechado cando sexa necesario, e aberto cando as condicións de uso así o requiran, segundo informan desde o Concello.

Os traballos contratados tamén inclúen a dotación de cortinas acústicas de diferente gramaxe en todos os laterais, teito acústico, a optimización da instalación eléctrica e substitución de luminarias; o pintado da estrutura existente e a proxectada, xunto coa dotación de calefactores; a reparación dunha baranda de inox existente, extintores e un armario metálico completan unha actuación que ten como finalidade por en servizo un palco funcional, moderno e eficiente.

O alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, considera esta actuación prioritaria para o desenvolvemento da actividade musical, cultural e artística da localidade, «xa que o cerramento da superficie convértea en óptima para a realización de ensaios da BUMM na temporada de inverno. A utilización destes 210 metros cadrados permiten ao Concello contar cun novo espazo público a disposición das asociacións musicais, culturais e artísticas do municipio».