A Ruta do Albariño arrinca esta mañá coa cronoescalada ao Alto do Busto

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

MEAÑO

Martina Miser

Pola tarde o pelotón xuvenil e sub 21 percorrerá O Salnés

12 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os 150 integrantes do pelotón xuvenil e sub 21 da oitava Ruta do Albariño Memorial Modesto Sánchez Alba, Teto, saen esta mañá, dun nun desde as once da mañá, desde a contorna da casa do concello de Meaño para encarar os 3 quilómetros da cronoescalada con final no Alto do Busto. O primeiro dos dous sectores da xornada inaugural, que esta tarde levará os integrantes das 22 escadras en lid, entre elas catro portuguesas e doce galegas, a cruzar a comarca do Salnés. 

Con saída ás cinco da tarde no centro de Meaño e chegada prevista algo máis tarde das seis e media, o pelotón arrodeará O Grove, onde se sitúa a única meta volante do día, para continuar pola Lanzada e Sanxenxo e coller dirección de regreso ao punto de partida con Monte da Bouza coma atranco chamado a desatar as principais hostilidades entre os ciclistas. O final do alto aparece no quilómetro 47 dos 63 deste segundo sector do día, no que haberá que ver se antes o vento non fai algún tipo de estragos na zona litoral do percorrido.

O líder que saia das dúas batallas do día de hoxe mais o seu equipo deberán defender mañá domingo o seu xersei de primeiro corredor do pelotón nos 92 quilómetros que se rodarán no circuíto ideado desde a dirección da carreira polo cambadés Ernesto Falcón polos termos municipais da vila do albariño e de Ribadumia. Con saída ás dez e media da mañá desde a Avenida de Galicia de Cambados e meta no mesmo punto e con catro pasos polo alto de Padrenda.