Os estudantes de bacharelato de Meaño terán praza no IES de Vilalonga

La Voz MEAÑO

MEAÑO

ANDRES SOLLA

Readaptaranse tres aulas e ant antiga casa do conserxe para dar cabida aos alumnos

09 jun 2021 . Actualizado a las 21:36 h.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de informar da inminente habilitación de espazo educativo para bacharelato no IES de Vilalonga, (Sanxenxo), orientado a acoller aos estudantes de cuarto curso de ESO do municipio de Meaño que desexen acceder a esta etapa formativa desde o curso académico 2021/2022. O xefe territorial de Educación, César Pérez, e representantes da inspección educativa e da unidade técnica mantiveron onte un encontro co alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, e cos directores do colexio e do instituto meañeses para abordar esta situación e informarlles da solución proposta ante o incremento da cifra de matriculados de Meaño para Bacharelato.

Os estudantes de Meaño que queiran acceder ao bacharelato manterán a súa adscrición no IES de Vilalonga, ao igual que estes anos anteriores, grazas á readaptación de tres aulas e a antiga casa do conserxe, creando unha única estancia.

O IES de Vilalonga, que neste momento se atopa inmerso na renovación das súas cubertas cun investimento de 370.000 euros, tamén recibirá outra partida, de máis de 40.000 euros, para poder acoller a este grupo de alumnos mantendo o cumprimento do protocolo de protección sanitaria fronte á covid-19, que se estenderá durante o vindeiro curso académico, segundo informa Educación.