Nin o sacrificio de Laura Miniño e de Cárol lle bastan ao Asmubal en Xixón (25-24)

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

MEAÑO

MONICA IRAGO

o

21 mar 2021 . Actualizado a las 16:00 h.

Precisaba a Asmubal Meaño a lo menos 3 dos 4 puntos dos dous partidos que tiña aprazados nesta segunda volta de Liga para atrapar o HBC’74 Avia IEN de Camargo e enlealo na pelexa pola antepenúltima praza da Liga, a que ten moita pinta de acabar mandando a Autonómica ao seu ocupante ao final da tempada. Finalizado o choque na cancha do Balonmano Gijón, a axustada derrota, 25-24, obriga os de Juan Manuel Costas a pensar en pescar noutros caladoiros de mar máis grosa.

Proba da importancia que o partido de onte tiña nos plans do conxunto meañés foi o sacrificio das súas dúas máximas goleadoras. Tanto a lateral Laura Miniño, que o venres sufría unha escordadura nun nocello no derradeiro adestramento previo ao partido, como a pivote brasileira Cárol Ferreira, totalmente parada durante toda a semana por unha bursite nun xeonllo con drenaxe de líquido incluída, xogaron os 60 minutos, sostendo con dez dos trece goles do equipo na segunda metade as opcións de sacar algo positivo de Xixón que o Asmubal mantivo ata a derradeira acción do partido. Un golpe franco de Laura Miniño co crono xa en cero que estrelou contra a barreira do conxunto asturiano, dous minutos e medio despois do tanto coa que a propia máxima anotadora do equipo galego subía un 25-24 que remataría resultando inamovible.

O Asmubal atopouse coa habitual defensa aberta do Gijón, que alternaba unha 3-2-1 cunha 5-1. Un muro que lle custou unha barbaridade perforar ás de Costas. De feito, tras repoñerse do 4-1 de saída axustando a súa 6-0, o cadro meañés só foi quen de darlle a volta á tortilla e dominar o electrónico nunha breve fase do partido na que conseguía contragolpear, endosándolle un 0-5 de parcial ao seu anfitrión para gozar dun 8-11 no minuto 23,32. Xusto catro minutos despois o Gijón empataba a 11, adiantándose 12-11 a 60 segundos do descanso. E se ben non chegou a dispoñer de rendas superiores aos 3 goles, xa non volveu perder o control do marcador.

FICHA DO PARTIDO:

BALONMANO GIJÓN (25): Zoe, Capalastegui, Selena, Nerea Solares (5), Alba González (4), María Blanco (3), Yael Carrera (1), Laura Fernández, Alba Holgado (1), Cardín, Vanesa Lozano (1), Saray Trabanco (7), Alba Fernández (3) e Sara de Castro

ASMUBAL MEAÑO (24): Lorena Ligero, Andrea Cores (3), Laura Miniño (9), Anabel Otero, Lorena Barreiro (2), Sabela Miniño (5) e Cárol Ferreira (5) -septeto titular-, Julieta, Lara Castro, Mónica Sineiro, Victoria, Vanesa, Andrea Barreiro e Laura Rivas 

MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 2-0, 3-1, 6-4, 7-9, 9-11, 12-11 (resultado ao descanso); 14-13, 18-16, 21-19, 22-21, 23-22 e 25-24 (resultado final).

ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Pablo Castellanos e Santiago Piñera. Castigaron con 2 minutos as xogadoras locais Laura Fernández (min 25,40) e Vanesa Lozano (53,13) e dúas veces a visitante Laura Miniño (6,19 e 11,41)