Meaño inicia os trámites para comprar terreos nas Covas para o novo auditorio

LA Voz MEAÑO

MEAÑO

MONICA IRAGO

O Concello ten unha partida de 110.000 euros para esta actuación

12 ene 2021 . Actualizado a las 17:14 h.

O Concello de Meaño iniciou o expediente para a adquisición dos terreos para a futura construción dun auditorio-edificio de usos multiusos, para o cal cóntase cunha partida de 110.000 euros con cargo ao orzamento do ano 2020. O Concello ten a intención de adquirir algo máis de 10.000 metros cadrados de terreo situados no lugar de As Covas, no centro do municipio e moi próximo ao centro de saúde e ao colexio. Trátase de tres referencias catastrais con cuxos propietarios xa tivo contacto o Concello para facerlle a oferta económica a razón de 8 euros o metro cadrado.

«O acordo está moi avanzado co propietario da parcela de maior tamaño (7.808 metros cadrados) mentres que a negociación continúa aberta con outros dous propietarios (1.500 metros) e o Concello confía en que finalmente acepten o valor estipulado e teñan en conta a utilidade social e cultural desta compra», segundo informan desde o goberno local.

A adquisición dos terreos é o primeiro paso para que Meaño conte cunhas instalacións que dean resposta á demanda social e cultural que existe no municipio.

O alcalde, Carlos Viéitez, insiste na necesidade de levar a cabo este proxecto de forma planificada. «De nada serven mocións grandilocuentes de reserva orzamentaria para construír un auditorio cando o Concello non dispón de chan para levantar o edificio. Esa é, di, «a diferenza entre gobernar cunha folla de ruta e unha planificación e facer unha oposición destrutiva e de desgaste».