Xogar dous partidos en 19 horas con case 400 quilómetros entre pavillóns

O Asmubal Meaño recibe hoxe o Salud Tenerife e mañá visitará o Oviedo


Vilagarcía / La Voz

Máis propio dun dos doce traballos de Hércules que da esixencia requerida a un equipo de balonmán. O Asmubal Meaño afronta desde última hora da tarde un auténtico maratón, con inicio ás oito de hoxe no Coirón Area fronte ao Balonmano Salud Tenerife, sétimo clasificado do Grupo A da División de Honra Prata Feminina con 12 puntos, e con final desde as 13.30 horas de mañá na cancha do Oviedo Balonmano Femenino, terceiro na táboa con 18 puntos, cunha viaxe de case 400 quilómetros e catro horas, se o temporal Filomena o permite.

O desde a semana pasada adestrador do conxunto sénior feminino do Asmubal, o vigués Juan Costas, recordaba onte que son os dous partidos que restaban por disputar da lista de encontros aprazados polos dous confinamentos dos integrantes do equipo por outros tantos casos puntuais de contaxio de covid-19. Tamén que a normativa «di que había que xogalos antes do inicio da segunda volta», fixado para a vindeira fin de semana. E que o Salud Tenerife pedira xogar ás 20 horas de hoxe antes de fixarse o encontro co Oviedo, que puxo o partido o domingo o máis tarde posible sen marxe para máis pola normativa da federación asturiana. Para cumprir con tan apretada axenda as xogadoras de Juan Costas están citadas no autobús mañá ás seis da mañá, co tempo contado para ducharse, cear e durmir o xusto tras o choque co Salud Tenerife.

Aos condicionantes apuntados o Asmubal Meaño, pechacancelas da Liga con tan só 2 puntos, que colleitaba na primeira xornada, suma as baixas da pivote Vanesa, lesionada, e da extremo Sabela Miniño, por traballo. Coa lalinense Celia Pedreira abandonando semanas atrás o equipo para minimizar o risco de contaxio de covid-19 na súa contorna familiar, o cadro meañés dispón de tan só 13 xogadoras para encarar a dura proba desta fin de semana.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Xogar dous partidos en 19 horas con case 400 quilómetros entre pavillóns