O PP confirma a expulsión do partido do alcalde de Meaño

La Voz MEAÑO

MEAÑO

MONICA IRAGO

O partido entende que Viéitez cometeu dúas infraccións moi graves, «por manifesta deslealdade cara o partido e por desobediencia ás instrucións dos órganos de goberno»

14 oct 2020 . Actualizado a las 22:07 h.

O Comité de Dereitos e Garantías do Partido Popular nacional resolveu desestimar as alegacións que presentou o alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, e confirma así a súa expulsión do PP por considerar que é autor de dúas infraccións moi graves, «por manifesta deslealdade cara o partido e por desobediencia ás instrucións dos órganos de goberno do partido».

 A resolución do comité engade que as instrucións e directrices dos órganos de dirección do PP de Pontevedra eran claras «e queda acreditado que incumpre unha directriz -presentar unha candidatura a vocal da mancomunidade por parte do PP de Meaño- encamiñada a preservar unha política provincial coordinada que vela polos intereses xerais».

O presidente do partido en Pontevedra, Alfonso Rueda, sinala que «o PP conta cuns estatutos claros e comúns para todos os seus cargos e militantes, e un principio básico do PP é non votar contra os teus propios compañeiros nos órganos de goberno. E cando se incumpren estes principios, pasan estas cousas. Non se pode diferenciar entre militantes de primeira e de segunda». 

 Con todo, engade, «o PP sigue moi presente en Meaño, cunha xestora que está traballando desde hai un ano xa», e puxo en valor «o importante resultado que os populares conseguiron neste concello nas eleccións autonómicas».

Pola súa banda, o alcalde meañés limitouse esta tarde a dicir respecto desta decisión: «Seguirei traballando para defender os intereses dos veciños de Meaño, independentemente da súa ideoloxía».